Filloas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

17 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos nun tempo de corentena. Unha situación imposta polas autoridades, case irreal pero precisa, para tentar mitigar os efectos dunha pandemia que nos chegou de súpeto e que se estende de xeito galopante por todo o planeta. No momento no que escribo estas letras debería estar gozando dun cocido entre amigos, falando e compartindo historias ben diferentes ás que nos toca vivir nesta realidade. Pero estamos sorprendentemente así e, para quitar ferro a todo este arrepiante asunto, voume centrar nunha sobremesa galega de primeiro nivel, asociada, xeralmente, a un tempo estacional determinado: as filloas.

Un manxar autóctono moi propio do entroido, pero tan suculento e combinable que se pode degustar en calquera outra época do ano. Sinxelas nos ingredientes e laboriosas na súa elaboración, creo, sen temor a equivocarme, que é unha das sobremesas máis saborosas que existen. Non son exclusivamente galegas, xa que en moitas outras partes do mundo son feitas dun xeito similar, aínda que con diferentes nomes, e nalgúns casos son pasmosamente iguais, como poden ser as mundialmente coñecidas crêpes da Bretaña, pero xa sabemos das múltiples similitudes con este pais celta irmán.

De cativo, as primeiras filloas que probei cadraron co tempo da matanza; estaban feitas con fariña, leite, ovo e unha cullerada do sangue do porco. Eran de cor marrón e semellaban de chocolate, pero esa cor dáballa esa pequena porción de sangue engadida. No entroido eran de fariña, auga e ovo, xa sen o sangue engadido, mellor canto máis finiñas, e concibidas como sobremesa. Fanse na tixola ou na pedra, dependendo da zona, con diferentes tamaños, formas e sabores en función dos ingredientes, pero as máis grandes que eu comín son as do lugar da Andragalla, no concello de Zas, onde a mulleriña que as fai para o día do cocido, que ten máis de 80 anos, erguíase ás catro da mañá para que ninguén pasase sen elas. Son impresionantes, de tamaño rectangular, e dóbranse para acompañar o cocido. Ese do que vos falaba ao comezo e que tivemos que adiar por mor da pandemia do COVID-19. Pero só adiar, ata que todo volva á normalidade.