Berenguela

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

18 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, e previo permiso, tiven o privilexio de estar nun espazo cunha importante carga histórica. Un lugar ao que non é doado acceder e que só por algo puntual ou especial alguén subiría ata alí. Estoume a referir á Torre da Berenguela da Catedral de Santiago. Unha impresionante obra arquitectónica de puro granito perfectamente esculpido cunhas escaleiras de caracol interiores que non son accesíbeis a calquera. E o motivo de subir ata o alto da torre onde está instalada a campá chamada do mesmo xeito, era gravar o seu impresionante son afinado entre as notas do e re, aínda que máis achegado a esta última.

Isto da afinación non tería maior importancia se non se entendese dende unha perspectiva musical, pero para nós era relevante. Estabamos no interior dunha auténtica marabilla arquitectónica situada no cerne de Compostela dende o século XIV, cando Berenguel de Landoria mandou construír esta magnífica obra, primeiro ideada como vixía e posteriormente como campanario. A campá orixinal, tamén chamada Berenguela, foi fundida no ano 1729 e retirada en 1990 polo deterioro a causa das fendas aparecidas. A actual é unha réplica fabricada en Holanda e colocada ese mesmo ano respectando as particularidades da orixinal; 256 centímetros de diámetro, 216 cm de altura e 10 toneladas de peso.

O mecanismo do reloxo que fai bater o mazo cada hora na Berenguela fabricouse na cidade de Ferrol no ano 1831. Nin que dicir ten que estando alí, xustamente debaixo, o correcto sería poñer algún tipo de protección nos ouvidos xa que os decibelios que emite semellante artimaña metálica cando percute sobre el o martelo resulta enxordecedor ou, cando menos, o impacto podía ser prexudicial para a nosa capacidade auditiva.

A primeira das potentes badaladas levounos a tapar os ouvidos instintivamente, mais, sendo atronador, aturámolo ben, e a experiencia ben paga a pena aínda que fose fermosamente enxordecedora. Non era a Berenguela de 1729 pero significa o mesmo e a súa situación é moi emocionante por poder contemplar as vistas de Compostela e bisbarra dende aquela altura. Algo marabilloso e privilexio de poucos.