A posteridade

Xesús Fraga
Xesús Fraga LUZ DE CRUCE

CULTURA

10 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

29 de xaneiro de 1999 emitiuse o programa Epílogo dedicado a Gonzalo Torrente Ballester, finado o día anterior. Eu non puiden velo, pero en cambio lembro ben como Rodri García contou na radio a impresión que lle causara a resposta do escritor á introdución da presentadora. «Don Gonzalo, le recuerdo que esta entrevista será emitida cuando usted haya muerto. Hoy, que todo el mundo le llora...» «¿Usted cree?», interrompeuna Torrente.

A retranca do autor galego pode contrastarse coa actitude do crítico e ensaísta George Steiner, falecido hai escasos días, quen -igual que o Epílogo gravado só se emitía post mortem- depositou no Churchill College de Cambridge centos de cartas dirixidas a unha interlocutora cuxa identidade ignoramos, con orde estrita de que non se poidan consultar nin facer públicas ata o 2050, cando o máis probable é que os familiares directos que o sobreviviron xa se reuniran con el no alén. Dá a impresión de que, mesmo se o propio Steiner tamén o dubida, o erudito cre que eses documentos secretos aínda serán importantes dabondo -ou como para espertar a curiosidade- dentro de trinta anos. Torrente, pola contra, semella dar a entender que os implacables mecanismos do esquecemento nin respectan un só día do seu dó.

Dous xeitos de encarar a posteridade, un territorio incerto do que só temos por guía a forma na que trata aos que nos precederon -e iso só dos que nos lembramos- pero sen saber como se compadecerá de nós. Hai quen pensa que xa non é asunto noso e tratan de borrar toda pegada que remita á súa existencia. Outros afánanse porque cada faragulla que testemuñe o seu paso por esta vida serva para edificar un memorial que conserve e faga ineludible a súa presenza, sexa esculpida en mármore, sexa a inmortalidade que confiamos á letra impresa. Dous xeitos que, malia a súa aparente oposición, nacen dunha premisa común, que non é outra que crer que aos que nos sucederán -máis alá dos que amamos e nos amaron- lles poida importar algo o que fomos. Mesmo hai quen no alén teima en resolver o que considera asuntos pendentes e volve para roldarnos. A eses coñecémolos, dende hai moito tempo, polo nome de fantasmas.