Un poeta descoñecido de 1936

Francisco Castro novela como a sublevación esnaquizou a vida ilustrada nun pazo en «Tantos anos de silencio», que sae á vez en galego, castelán, catalán e éuscaro

Francisco Castro ofrece na súa web a lectura de balde do primeiro capítulo da súa última novela
Francisco Castro ofrece na súa web a lectura de balde do primeiro capítulo da súa última novela

redacción / la voz

O desenterramento de foxas comúns de vítimas da Guerra Civil, ademais de emoción e dignidade, ás veces trae sorpresas na forma de obxectos persoais que asumen un potente simbolismo dende a perspectiva actual. Acontece tamén no territorio da ficción na nova novela de Francisco Castro (Vigo, 1966), Tantos anos de silencio (Galaxia), no que entre os seis cadáveres executados no pazo de Flavia durante a sublevación militar agocha unha revelación: o esqueleto dunha muller abraza contra o peito o libro dun poeta do que ninguén oíu falar, Ramón Gándara.

O autor pescuda, a través da figura dunha investigadora, Ánxela, o que aqueles días supuxeron para a vida ilustrada nun pazo, fanada pola violencia e a intolerancia. Unha cuestión que Castro sostén que non está pechada, nin moito menos, para a creación artística. «Os que din “outra novela máis da guerra!” polo xeral son os fillos ou os netos dos vencedores e mantiveron unha boa posición durante o franquismo», reflexiona o escritor. Porén, cre que despois da ditadura e os anos de silencio tácito trala Transición, evidénciase a necesidade de abordar o que el denomina «a mal chamada Guerra Civil» -«en realidade, foi un golpe de Estado contra a legalidade democrática da República»- dende a literatura ou o cine.

Precisamente, sen restar valor á historia e o ensaio, Castro ve na ficción un xeito moi acaído para relatar aqueles episodios. E por isto mesmo a figura dese poeta esquecido está chamado a desempeñar un papel crucial en Tantos anos de silencio. Castro cita a figuras como Lorca ou Alberti, «que puxeron o seu oficio ao servizo da causa republicana», unha disposición ideolóxica na que tamén cabe o amor. «O amor é un acto revolucionario», defende o escritor. «É un acto de liberdade, o que non tolera o fascismo. Cando amas, e amas de xeito diferente, é motivo de represión para unha ditadura, que tamén prohibe a súa manifestación escrita, xa que só quere literatura patriótica e afecta», engade quen adoita retratar nas súas obras o que refire como «o poder salvador da literatura».

Francisco Castro avoga por unha concepción comprometida do creador e da cultura: «Os artistas están obrigados a dicir as verdades incómodas, as realidades que molestan». Un papel válido hoxe coma antano, no que o escritor percibe un «rexurdir fascista, no que partidos como Vox queren cambiar o relato e impoñer unha sorte de posverdade na historia», algo que aínda fai máis necesaria a contribución da cultura.

Tantos anos de silencio publícase este luns en galego en Galaxia, editorial da que Castro é director xeral, simultaneamente coas súas versións en castelán (Rayo Verde), catalán (Capital Books) e éuscaro (Alberdania). O escritor cre que fóra de Galicia hai en xeral unha percepción moi positiva da literatura en galego, pero o seu desacougo mira máis preto: «Preocúpame que haxa tantos galegos que vivan de costas dos seus creadores».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Un poeta descoñecido de 1936