«Sentidiño», Palabra do Ano 2019

O termo impúxose por unha ampla maioría ás demais finalistas, entre as que se contaban «feminicidio», narcosubmarino», «quecemento global» ou «ecocidio»


redacción / la voz

Os avós dun mozo Víctor F. Freixanes despedíano cun consello que resoa nos oídos de moitos galegos: «Sentidiño, rapaz!». Quen hoxe é presidente da Real Academia Galega lembraba onte aquel retrouso a conta da escolla de sentidiño como Palabra do Ano 2019. O termo foi o vencedor na votación que convoca o Portal das Palabras -promovido pola RAG e a Fundación Barrié- e que escolle un termo representativo dos doce meses que están a piques de rematar. «Palabras-crónica», como as define Freixanes.

Sentidiño é un xeito xenuinamente galego de denominar o sentido común. Un vocábulo que tamén atopa equivalencias semellantes noutras linguas próximas, como exemplifican o seny catalán, o bom senso portugués, o bon sens francés ou o buonsenso dos italianos. Sentidiño deriva de sentido, que á súa vez provén da substantivación do participio pasado do verbo sentir, cuxa etimoloxía hai que buscala no latino sentire, é dicir, «percibir polos sentidos». Ata dez acepcións, como adxectivo e como substantivo, recolle o Dicionario da Academia de sentido. No contexto da votación, a máis acaída é a cuarta: «Facultade mental que permite entender as cousas, xulgalas e actuar en consecuencia». O engadido do sufixo -iño achega un aquel de complicidade e un matiz que apunta a palabra cara a «calidade de sensato». 

Un 51 % dos votos

Sentidiño acadou unha ampla maioría de apoios na escolla. Recibiu o 51 % dos votos, superando con moito ás outras palabras finalistas. Feminicidio situouse en segundo lugar, cun 20 % dos votos, seguida de narcosubmarino (15 %), quecemento global (8 %) e ecocidio (5 %). Pechou a lista negociación, que apenas sumou un 1 % dos votos.

Pode semellar un paradoxo, pero parece case inevitable relacionar as palabras que quedaron en primeiro e derradeiro lugar. Porque se se está a falar de sentidiño, quizais sexa por un fracaso nas negociacións. Nesa liña vai a interpretación -«persoal»- de Freixanes, quen cre que os galegos que votaron por este termo gustarían de velo cunha maior presenza na realidade «actual, política e social». Para o escritor e académico, sentidiño evoca «escoitarse os uns aos outros, buscar fórmulas de encontro, saber encaixar opinións diversas». «A mensaxe é que os atrancos non son tan complicados de superar se hai vontade para facelo», engade.

Un maior sentidiño tamén podería levar a ter que falar menos dalgunhas das palabras que foron finalistas nesta edición. O que implica feminicidio parécelle «moi grave» a Freixanes, quen relaciona a súa presenza «coa moi necesaria loita e conciencia da reclamación das mulleres da igualdade real». «Os crimes machistas son un gravísimo problema que nos obriga a todos», subliña. Porén, feminicidio non é un vocábulo que atinxa só ao galego, senón que se refire a un problema estrutural das sociedades patriarcais. «Son crimes que evidencian a debilidade e fraqueza dos homes», conclúe Freixanes.

Nun ano no que se celebrou o Cumio do Clima en Madrid e que tanto se falou de emerxencias ambientais, nin quecemento global nin ecocidio acadaron apoios significativos nas votacións, como tampouco unha palabra que irrompeu a finais de ano, narcosubmarino, coa interceptación dun destes aparellos fronte ás costas galegas.

«Progreso», «feminizar», «acogida», «constitución», «euroescéptico»...

La Real Academia Española también hizo balance ayer del año con la elección de palabras que definen y explican muchos de los acontecimientos y tendencias de este 2019. Entre esos vocablos figuran progreso, feminizar, acogida, constitución, euroescéptico, deporte, confianza, elección, escuela, clima o autodeterminación. Se trata de una propuesta de los servicios de Lexicografía y Comunicación y que ha tenido en cuenta las consultas más frecuentes del Diccionario de la Lengua Española, así como las que reciben los servicios de la RAE y las voces que presentan un uso abundante. «No se trata de elegir neologismos que han aparecido a lo largo del año, porque muchas de estas novedades léxicas son efímeras», matizó el director de la RAE, Santiago Muñoz Machado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

«Sentidiño», Palabra do Ano 2019