As tecedoras de redes creativas

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

Tres emprendedoras crean Creadores Galegos, unha plataforma que xa ten máis de 60 proxectos inscritos

22 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Isabel Pernas non o sabía, pero aquel soño que lle bulía na cabeza tamén estaba pendurado da imaxinación de Sandra de Rego e Beatriz Barril, que precisaban un espazo para traballar e dar visibilidade ás súas marcas. Cando se xuntaron as tres a falar, descubriron que foran tecendo a mesma colcha, a que agora acocha a sesenta marcas diferentes de Galicia. Que lles dá por fin un espazo onde crear. Un espazo onde expoñer, darse a coñecer, seguir tecendo redes e traballar xuntas. Ese espazo está estes días no mercado La Galiciana en Compostela, no que -entre cervexas, comidas e reencontros de Nadal a cuberto desta chuvia perenne- está tamén Creativos Galegos, a plataforma que pouco a pouco foron tecendo estas tres emprendedoras.

Aí, nos dous recunchos nos que se mesturan sedas pintadas con serigrafía artesanal, escultura en madeira con xerseis que por fin non fan bolas, é onde vén de nacer unha plataforma que quere ser «un servizo integral e un punto referente para toda Galicia e para quen estea interesado no mercado local». Isabel Pernas forma parte de Quenindiola, unha marca de ilustración que pinta Galicia con catro cores: vermello, azul, branco e negro. «A idea é crear ese espazo físico no que quen queira poida traballar en directo para a xente». E así, vendo, tocando a peza que van levar consigo, a xente entenda por que a artesanía e un chisco máis cara que as grandes produccións industriais. Pero tamén poden só vender, ou só expoñer, e a aqueles que están empezando poden dar o paso de amosar o seu traballo e ver como funciona co público.

Cando comezaron a traballar en Creativos Galegos, descubriron que o seu soño era tamén o de outras moitas persoas: un espazo físico, un servizo de asesoría, ou máis ben de acompañamento daquelas persoas que están aínda iniciando o camiño das empresas creativas. E que, así, os que agora comezan poidan beneficiarse das experiencias previas dos compañeiros.

Pero Creativos Galegos é mais. Moito máis. É tamén un catálogo de servizos, un escaparate, un obradoiro. «Cando comezamos a traballar vimos que todo o mundo pedía a berros ese espazo común». Bea Barril ten dúas marcas. Spacio B está a piques de facer un ano e está orientada ao asesoramento de espazos e interiorismo. E ademais Bea Barril é artesá escaparatista e vén de poñer en marcha outra marca, Ao Teu Gusto, coa que crea cadros de temática abstracta que poden ser colocados en calquera posición.

O pequeno mercado que teñen en La Galiciana e que logo se trasladará a El Bazar é unha mostra das vantaxes de traballar en conxunto. As creacións de Sandra de Rego, que ten unha marca de serigrafía artesanal, Amorote, están dispostas con moito tino a carón das pezas de punto de Maripapoila. Quen asesorou ás artesás foi Spacio B. E ademais, todos os días hai un obradoiro dirixido por algún dos membros desta plataforma, co que xa se pode ver en vivo e en directo como traballan os creativos galegos. «É interesante que poidan interactuar co produto, porque por exemplo a serigrafía á xente sóalle como algo industrial, e non o é». Explícao Sandra de Rego, que fixo agromar Amorote porque realiza «cousas de deseño gráfico e botaba moito de menos traballar cousas coas mans». Así que agora estampa motivos de inspiración galega en materiais orgánicos e de comercio xusto baixo a súa marca.

 Difundir o patrimonio

Un espazo común onde afortalar redes, un servizo de acompañamento para novos emprendedores e tamén un xeito de difundir o patrimonio. Porque outro dos grandes proxectos de Creativos Galegos é o deseño dun roteiro de artesáns para amosar a galegos e tamén a visitantes o potencial creativo de Galicia. «Igual que se fan roteiros polo patrimonio, con guías, facer un cos artesáns», xa sexan os máis tradicionais (como os ourives composteláns) como os que están comezando agora cos seus proxectos e marcas innovadores.