«Longa noite»: Elexía de imaxes e verbas

Miguel Anxo Fernández

CULTURA

numax

Eloy Enciso propón un poema visual con sensibilidade literaria e pictórica para achegar reflexión, pensamento e emoción sobre un período escuro da historia

08 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A elexía é queixume, dor, desgraza, e na Galicia da Guerra Civil, pese a non haber fronte bélico, as armas falaron igualmente, sendo un tempo agónico, de pesadumes e tristezas estendidas á posguerra. Longa noite ben podería ser un poema visual que debe moito á sensibilidade pictórica de Mauro Herce -por certo, o mesmo fotógrafo de O que arde- e ao ton autoral de Eloy Enciso, que deixa ao carón as pistolas para dar ás verbas toda a súa forza dramática. Son as de últimas cartas anónimas antes do «paseo» ou o pelotón de fusilamento e as de escritores como Max Aub, Luis Seoane, Ramón de Valenzuela e Alfonso Sastre, entre outros, peneiradas coa sutileza dun realizador con mirada propia, que dota ao seu cinema de matices frescos, mergullándose na alma da memoria, a que se mantivo en voz baixa no exilio interior e a que alumeou forte no desterro. A súa coralidade tenta a inmersión na longa noite de pedra que cantou Celso Emilio, para lela en clave actual, ao cabo aínda vixente.

Máis aló da atinada selección dos textos e da aludida sensibilidade pictórica -fascinante a secuencia de peche, esa sorte de dramático labirinto…-, acerta na opción elixida para recrear a peripecia dese home que, anos despois, regresa á súa aldea nas montañas e vaise atopando a personaxes que lle debullan un pasado con ecos de presente. Especialmente afortunada é a secuencia da partida de cartas, tenebroso resumo dunha época de despropósito e de morte, de liberdade cernada. E mesmo o papel da parella de esmoleiros.

Finalmente, a achega de Enciso avanza un paso máis en implicar ao público na mensaxe, en seducir ao espectador a favor doutra maneira de enfrontar o cinema, o galego en particular. A simbiose entre imaxe e palabra é tamén unha declaración a prol dun espazo de imaxes, de «reflexión, pensamento e tamén emoción», como declaraba o autor días atrás a Xesús Fraga neste diario. Afirmaba o pope Tarkovski que «calquera creación tende á sinxeleza […], que supón un tender á profundidade da vida reproducida». Longa noite é unha tan profunda como espida elexía dun tempo de feitos e de voces que non esmorecen.