Eloy Enciso: «A historia non é unha liña recta, ten vasos comunicantes»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Misha Bies Golas, nun fotograma de «Longa noite»
Misha Bies Golas, nun fotograma de «Longa noite» numax

O cineasta fai un retrato fílmico e literario complexo da posguerra en «Longa noite»

02 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Celso Emilio Ferreiro destilou os anos de posguerra nunha longa noite de pedra. Dese sintagma Eloy Enciso (Meira, 1975) toma os dous primeiros elementos para titular un novo filme que chega aos cines galegos o xoves día 5 e reflectir unha atmosfera que, en efecto, semella vivir nunha esfera opresora fóra do tempo. Longa noite, que pretende ser unha achega dende o cine e a literatura a unha realidade complexa como foron os primeiros anos do franquismo, é unha película singular na súa formulación. O director traballou cun elenco de actores non profesionais, encabezado por Misha Bies Golas -máis coñecido na súa faceta de artista plástico-, que levan á pantalla uns diálogos inspirados en textos de autores como Seoane, Fogwill ou Aub, ademais de cartas de presos daquel tempo.

Trátase dunha formulación, a de Longa noite, que vai contra o discurso realista hexemónico que impuxo o cine norteamericano. «Non é a única forma de realismo. É verdade que é maioritaria, pero non é a única», advirte Enciso, quen apela á tradición europea encarnada por Pasolini, Bresson ou Erice para construír un espazo de «reflexión, pensamento e tamén emoción» que transcende a literalidade, «algo que non lle senta moi ben ao cinema».

Enciso acadou un premio en Locarno con «Longa noite»
Enciso acadou un premio en Locarno con «Longa noite» Raúl Caro Cadenas | Efe

O fío que une esas escenas é o regreso de Anxo -Misha Bies- á súa aldea da Galicia interior, un percorrido que vai do día á noite e que propicia o paso pola cinta de diversos personaxes, dende os esmoleiros ante a igrexa, un albanel en plena faena, un candidato a alcalde, un comerciante camiño da emigración... Derrotados en vida por un sistema que o abafa todo. «A película busca contar non tanto o que pasou, senón como», explica Enciso. «Como se vai articulando un sistema, unha ideoloxía, neste caso, o franquismo, que non é a foto do máximo líder, senón que se vai filtrando dende arriba por todos os estratos sociais». Esta idea resulta relevante na actualidade para o director, que concibiu a película nun contexto de crise e corrupción. Aqueles textos da posguerra resoaban tamén nas circunstancias contemporáneas. «A historia non sempre é unha liña recta, senón que ten vasos comunicantes e moitas veces poden rexurdir cousas do pasado», sostén. Unha vocación polo matiz que permite repensar o presente e tamén o pasado. «Decatámonos de que moitas cousas se contaron mal, de xeito tendencioso ou de forma incompleta. Cuestións como a perspectiva de xénero, por exemplo. Non se trata de facer revisionismo, senón simplemente de facer xustiza», declara Enciso.

A sobriedade preside Longa noite, que sintetiza conceptos complexos en imaxes. Como o albanel que constrúe un cuartel -ou unha prisión- e mestura o cemento cun sacho: a transformación dunha sociedade rural noutra urbana e capitalista, «que vai construíndo esas estruturas que ao final reforzan o poder».