Así se fan os libros mellor editados

Kalandraka vén de recibir dous premios nacionais por senllos títulos que son o resultado dun longo proceso no que se examinan coidadosamente todos os elementos

Os dous álbumes premiados, «Cándido e os demais» e «Cara de velocidade»
Os dous álbumes premiados, «Cándido e os demais» e «Cara de velocidade»

redacción / la voz

Un libro é a concreción material -deseño, tipografía, ilustración, papel- dunha dimensión inmaterial: as ideas. Da conxunción e calidade de todos estes elementos agroma unha nova realidade, superior á suma das súas partes, que na súa sinxela complexidade segue a ser un vehículo privilexiado de transmisión de coñecemento e pracer lector. Proba a súa resiliencia a incapacidade do libro electrónico para darlle esa morte que tantos anunciaban.

Esta semana a editorial Kalandraka volveu ser distinguida con senllos premios -o primeiro e o terceiro na categoría de infantil e xuvenil- aos libros mellor editados que convoca o Ministerio de Cultura. Os títulos son Cándido e os demais, de Fran Pintadera e Christian Inajara, e Cara de velocidade, de Marga Tojo e María Hergueta. Dáse a circunstancia, ademais, de que ambos títulos naceron ao abeiro de certames que promove o selo pontevedrés, o de álbum ilustrado Compostela e o Cidade de Orihuela de poesía. Isto acelerou en varios meses un proceso de edición que de media se prolonga un ano, unha das claves do éxito de público e crítica dos libros que publica Kalandraka.

«Os nosos libros parten dun texto que seleccionamos entre as moitas propostas que nos chegan cada semana», explica o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros. coa decisión tomada, o selo busca no seu banco de ilustradores a persoa idónea para esas palabras concretas e inicia o que Ballesteros denomina un proceso «dialéctico», no que narración e imaxes se van compaxinando ata dar coa obra acabada. Neste procedemento intervén tamén a directora editorial do selo, Manuela Rodríguez, e a deseñadora Macu Fontarigo.

A partir de aquí, o desenvolvemento da obra entra nunha fase máis material. Elíxense determinados tipos de papeis e fanse probas de imprenta: Kalandraka traballa habitualmente con Gráficas Anduriña, de Poio, de cuxo prelo saíron tamén os dous libros galardoados polo ministerio. «Para nós é fantástico, porque podemos achegarnos e estar pendentes en todo momento das probas, dos resultados. Permítenos estar a pé de máquina, comprobar as cores, se temos que subir ou baixar os Pantones», detalla Ballesteros, quen tamén subliña que traballar cunha empresa veciña é parte dunha política de proximidade, de xerar valor no país e de ter entre as mans un produto que ben podería levar un distintivo de Galicia calidade, máxime cando oito de cada dez álbums ilustrados nas librerías veñen impresos de China: «Para nós é unha satisfacción e contribuímos a que siga vivo o tecido industrial».

«O espírito que guía o noso traballo é conseguir que o resultado sexa o libro máis fermoso posible», expón o editor. E, como cada libro é diferente, tamén o ten que ser a súa dimensión física. Dende o grosor do papel ata estar ao tanto dos últimos avances tecnolóxicos en impresión, todo inflúe neste proceso. Como tamén unha organización rigorosa. «O plan editorial é a columna vertebral do noso traballo. Non improvisamos, senón que planificamos con dous anos vista», revela Ballesteros.

As distincións desta semana certifican non só o bo facer de Kalandraka, senón o atractivo do libro fronte ás versións dixitais. «Se morre o papel xa non poderiamos falar destes premios», confirma o editor, quen ten clara a filosofía que os inspira fronte os cantos de serea que lles prometen maior retribución económica se se orientasen cara ao electrónico: «Estamos contentos co noso propósito e prioridade: que cada neno poida construír unha biblioteca de seu, eses intres felices de lectura que van facendo a súa biografía».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Así se fan os libros mellor editados