Cocidos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

29 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moitos días vin nos medios de comunicación a noticia de que un cocido feito en Galicia fora censurado por violencia gráfica nunha desas redes sociais que agora están de moda. O cocido tiña unha pinta excepcional. Non lle faltaba nada e todo estaba colocado no seu sitio. As diferentes carnes parecían exquisitas e no seu punto, as patacas e os garavanzos perfectos, igual que a verdura, sen mesturar os sabores dunhas cousas con outras, como a min me parece que debe ser.

Polo visto puido ser unha máquina a que impuxo a censura, por non explicarse de ningún xeito semellante imaxe, coma se fose unha desas denuncias das redes sociais dalgunha xente incapaz de entender de que coma en Galicia non se come en ningures, e dígoo eu, que vou farto de andar polo mundo e probalo case todo.

Eu non son entendido en cocidos, nin un grande comedor deste tipo de pratos, xa que a miña tendencia na alimentación, dende hai tempo, é ir evitando todo tipo de carnes. Mais como galego é imposible non probar estes manxares suculentos tan atlánticos e intensos como mínimo un par de veces ao ano. Co tempo funme facendo máis selectivo e intento buscar o mellor para gozalo ao máximo, e na miña familia sempre houbo -e aínda hai- auténticos especialistas tanto en facelos como en comelos.

Galicia ten moitos lugares onde podes atopar cocidos excepcionais e sen censura ningunha; máis ben o contrario, pode ser ata unha exaltación por todo o alto dunha boa mesa que non ten límites, porque esa é a filosofía que herdamos das nosas avoas: a de «come, neniño, come», a de «é preferible que faga mal a que quede no prato» ou a de «morra a marta, morra farta».

En fin, sen estar de acordo con elas, a verdade é que somos terra de fartura e aínda cunha inmellorable calidade, que é un tesouro. Agora vivo moi preto de onde o gran persoeiro Manuel María Puga y Parga (Picadillo) escribiu o impresionante tratado de cociña tradicional galega no que explica, á súa maneira, o correcto xeito de facer un bo cocido. Que diría el da absurda censura desa rede social á foto dun cocido? Pódoo imaxinar!