Don Alfredo volve do esquecemento

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Alfredo de la Iglesia
Alfredo de la Iglesia colección rosa maría saurin de la iglesia

Alonso Montero recupera a figura de Alfredo de la Iglesia, autor do primeiro manual de literatura galega para estudantes de bacharelato nos tempos de Primo de Rivera

26 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Este é un libro tecido con casualidades, que é como se vai ganduxando a historia dun país. Por casualidade, Xesús Alonso Montero, que debruzaba no rico e variado arquivo da Real Academia Galega á procura de datos sobre o socialista ferrolán Santiago de la Iglesia, comezou a ler sobre outro dos cinco fillos que lle sobreviviron a Francisco María de la Iglesia, dramaturgo do Rexurdimento. Un fillo que quedara agochado, inexplicablemente, na sombra do esquecemento: Alfredo de la Iglesia. Non era galeguista, pero de seguro que a veciñanza de Pontevedra estivo falando durante meses daquel catedrático de Literatura Castelá dende 1918 que tivo a ousadía de entrar un día na aula e impartir unha lección de gramática castelá na lingua do seu alumnado: a galega.

«Os rapaces responderon cunha gargallada e axiña se decataron de que aquilo non ía de broma, que non era un pallaso, un Xan das Bolas que os quería facer rir. Era un home que estaba facendo unha experiencia didáctica». Alonso Montero recupera nun libro, que este xoves se presenta na Casa das Campás, ao autor do autor do primeiro manual de literatura galega para estudantes de bacharelato. Un caderno azul con letra pulcra que aínda se conserva no arquivo da Academia e que resume o librepensamento e o criterio pedagóxico de Alfredo de la Iglesia: se lle aprendía ao alumnado algo de literatura rusa, italiana, latina ou francesa, como non lles había aprender un pouco de literatura galega?

Don Alfredo razoaba cunha «actitude estritamente pedagóxica. Non fai falta ser galeguista» para concluír que o alumnado ten que coñecer tamén as súas propias letras. Se cadra foi por iso, aínda que non se poden facer conxecturas. O caso é que ninguén, nin sequera Filgueira Valverde, que foi o seu alumno, di «dunha maneira vaga e xenérica» que lle debe a don Alfredo «moito do seu saber galego». Pero ninguén, nin sequera Castelao, que daquela xa era profesor de Debuxo, falou nunca da primeira clase en lingua galega. Nin do manual que servía tamén para dar unha visión do Rexurdimento máis aló da establecida polo grupo de Murguía no seu libro Os precursores, que deixara tamén na sombra do esquecemento a Antonio de la Iglesia e a Francisco María.