Celso: o teatro como vida


No escenario era poderoso, capaz de transformarse no absoluto en canto o pano desvelaba o misterio. Na vida, unha das persoas máis elegantes e coherentes. Fundou Teatro do Morcego hai trinta anos desde o soño dun teatro estábel para este país. Quería recoller o espírito teatral de Castelao, pero, en realidade, Celso Parada construíu un discurso propio que demostrou que a escena é unha arte imprescindíbel para un pobo ao colocar baixo os focos a lingua propia, dotándoa de dignidade inmensa. Velaí Sito, un eterno pensador, cumpridor cos artistas, xefe xeneroso. Neste mundo cainita da farándula galega, case ninguén conta co xuízo unánime de bo profesional e persoa impecábel, e por iso a familia do teatro non merece esta ausencia, nun momento en que tanta falla fai algo que en Sito era innato: a acepción máis nobre da palabra resistencia.

Agora Celso Parada é memoria fermosa de algo que somos todos. Conquistou o público no seu Misterio cómico, demostrou que podía encher teatros sen renunciar ao sentido crítico, pasou polos personaxes máis populares da televisión, e botou o país ás costas co seu inesquecíbel Os vellos non deben de namorarse. Na última produción, un monólogo marabilloso titulado House, soñabamos unha vida interminábel para o seu teatro. E dalgún xeito, fixemos o soño realidade: os xenios non morren, convértense en esperanza a través do que nos aprenderon.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Tags
Comentarios

Celso: o teatro como vida