A arpa como nexo da pluralidade cultural

antonio méndez / x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A arpa volverá ser protagonista no festival de Noia
A arpa volverá ser protagonista no festival de Noia

O Noia Harp Fest acollerá a artistas de nove países, como Gales, Senegal, Venezuela ou Escocia

19 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A sexta edición do Noia Harp Fest celebrase do 31 de xullo ao 2 de agosto, contando coa participación de artistas de nove países entre os que se atopan Gales, Venezuela, Senegal, Escocia ou Gran Bretaña. Unha gran variedade de culturas e linguaxes que «se irmandan entorno a un instrumento: a arpa», explica o director artístico do festival, Rodrigo Romaní.

Neste senso, Romaní afirma que a é «marabilloso» contar con presenza de diferentes culturas, xa que aporta unha «riqueza enorme». A heteroxeneidade de estilos tamén é un dos aspectos chave do festival: o jazz, o clásico ou o folk terán presenza nas 10 actuacións que conforman o evento. «Esta é a esencia que queremos conseguir: a confianza da xente en nós para escoitar algo que lle vai sorprender», expresa Romaní. 

Calidade e sonoridade

Outro dos obxectivos do Noia Harp Fest é manter unha «linguaxe artística de calidade» porque é «básico para chegar á xente», sostén o director artístico do festival. Nesta edición, a calidade reflíctese nun cartel no que figuran con nomes como JMO Trio, liderado polo senegalés Moussa Cissoko, ou Compasses, o grupo do arpista venezolano Eduard Jiménez. Galicia tamén conta con representación: Beatriz Martínez, acompañada do grupo local noiés A Subela. A artista galega presentará un «concerto creado a medida, a propósito» para este novo Harp Fest, asegura Romaní.

Por outra parte, a atmosfera sonora é un dos piares do evento. O son tan peculiar que xera a igrexa de Santa María a Nova, xunto coa curta distancia física entre o público e os artistas, convidan a crear «un ambiente fantástico onde a xente garda un silencio natural», describe o director artístico.

Excepto o concerto inaugural, as demais actuacións son de balde e, algunhas, terán lugar ao aire libre na praza do Tapal. Os máis cativos poderán participar neste festival, xa que está programada unha actividade musical para eles. «Os nenos deben acostumarse a ver os instrumentos de cerca e poder familiarizarse con eles, escoitándoos tranquilamente», afirma Romaní. Tamén se inclúen obradoiros «para os estudantes de arpa que queiran asistir de preto as leccións dos mestres».