Vari Caramés afonda nos recordos

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

CULTURA

Vari Caramés

O fotógrafo ferrolán presenta na Fundación Luis Seoane o seu traballo «Lugares», que analiza a estreita liña entre a realidade e a memoria

23 oct 2019 . Actualizado a las 17:15 h.

O escritor xaponés Haruki Murakami escribe no seu libro Tras do solpor que «para as persoas, os recordos son o combustible que lles permite continuar vivindo». As lembranzas tamén son a cerna da exposición fotográfica Lugares, baseada no fotolibro homónimo, do artista Vari Caramés. A mostra pode contemplarse este mércores na Fundación Luis Seoane ata o próximo 27 de outubro.

A exposición componse dun conxunto de trinta fotografías en cor que esvaecen o lindeiro entre realidade e memoria. As imaxes enmárcanse «na fronteira ou límite no que as cousas se poden mesturar e interpretar como unha especie de soño ou de existencia evanescente que contemplar», en verbas do fotógrafo ferrolán.

O mundo onírico que presenta Caramés insírese dentro de lugares que visitou con amigos ou, particularmente, coa súa muller Ángeles, finada recentemente e a quen dedica esta mostra. Neste senso, o artista galego parafrasea á cantante Chavela Vargas para describir o emprazamento das súas fotografías: «Un sempre volve aos lugares onde amou a vida».

Tornar a un tempo pasado ou visitar un sitio de novo é un síntoma de melancolía. Esta circunstancia preséntase en Lugares como unha maneira de fuxir da realidade, que, segundo Caramés, «é moi dura e recalcitrante». «Dicía Pessoa que a arte é útil porque nos saca de aquí -explica o fotógrafo-, precisamos un oasis emocional onde refuxiarnos, que non deixa de ser os lugares que un elixe para contemplar a vida doutra maneira».

O traballo de Caramés bebe «da poesía, da literatura, do cinema e da vida mesma», asegura. Así mesmo, o artista ferrolán considera fundamental a súa orixe galega na súa arte, condicionada pola «maneira de ver, pola paisaxe, polo clima e pola forma de ser dos galegos». Todas estas características compoñen un «crebacabezas», un «argumentario visual», que conflúen en Lugares.