Folk & Lore

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

25 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais dos anos 70, cando eu era un adolescente e comezaba a ter determinadas inquedanzas musicais, chegaron ás miñas mans un par de L. D. (longa duración) de Bob Dylan nos que o ecléctico músico de Minessota interpretaba as súas cancións a golpe de voz desgarrada, guitarra e harmónica sen máis instrumentación. Para o meu escaso entendemento xuvenil aquilo era durísimo de asimilar, pero ao mesmo tempo aquela maneira de facer música tiña un atractivo que me levou a seguir escoitándoa ata que lle fun collendo o «tranquillo» e acabou por me gustar.

Dylan, naqueles discos, facía música folk, un estilo inspirado no folclore pero concibido dende unha perspectiva máis moderna, cunha terminoloxía anglosaxona derivada da palabra alemá volk, que significa ‘o pobo coma un todo’, e que conseguiu expandirse por todo o mundo e en moi diferentes formas: música latina, canción protesta, música celta, etcétera.

O folclore (o saber ou coñecemento dun pobo) é universal, e cada cultura ten o seu propio, e emprégao como un xeito de expresión de seu dende tempo inmemorial; pero o que é o folk nace a finais dos anos 50, fundamentalmente nos Estados Unidos, inspirado nos xeitos tradicionais de facer música con eses aires novos que o definen como diferente da man de xente como Woody Guthrie, Pete Seeger, Joan Baez ou o propio Dylan, empregando letras cun claro contido social, de denuncia e logrando un impacto popular moi importante.

En España, a finais dos 60 empezan a xurdir as primeiras bandas e solistas de folk, entre os que estaban Joaquín Díaz, Nuevo Mester de Juglaría, La Banda del Mirlitón (liderada polo musicólogo Ismael Peña), Nuestro Pequeño Mundo, etcétera, que fixeron un traballo de recuperación, investigación e interpretación impresionante.

Ao tempo, en Galicia ían xurdindo propostas nunha liña similar como Fuxan os ventos, Emilio Cao ou Milladoiro, que puxeron a semente para que poucos anos máis tarde se crease o movemento folk máis importante da Península incluso cunha destacable proxección internacional.