Carvalho Calero, poeta, narrador e un moi influínte ensaísta

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O catedrático e escritor ferrolán terá o seo Día das Letras Galegas co apoio maioritario da RAG

17 feb 2020 . Actualizado a las 18:23 h.

 Axeración que se comprometeu co galeguismo nos esperanzados anos previos á guerra acometeu un verdadeiro proxecto de estudo, dignificación e proxección de Galicia e a súa cultura, cunha certa especialización entre os seus compoñentes. Ricardo Carvalho Calero participou desa efervescencia no plano institucional -secretario do Seminario de Estudos Galegos-, no político -participa na creación do Partido Galeguista- e a través da escrita, con dous poemarios e numerosas colaboracións nas revistas da época. Un compromiso que ampliaría logo co cultivo da narrativa e, especialmente, coa súa actividade académica e investigadora. 

Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910. Licenciouse en Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, sen desvincularse da súa cidade natal. O golpe de Estado de 1936 sorpréndeo en Madrid e participa na guerra do bando republicano, o que, no remate da contenda, custaríalle un consello de guerra e unha condena de cárcere. Igual que Ánxel Fole se tivo que refuxiar no Incio como profesor particular, tamén Carvalho Calero se recluíu no ensino, no Colexio Fingoi de Lugo, xa que estaba inhabilitado para a función pública. Haberían de pasar dúas décadas ata que puidese recuperar a docencia, que impartiu en Santiago, primeiro no ensino medio e posteriormente na universidade, onde foi titular da súa primeira cátedra de Lingüística e Literatura Galegas. En 1958 ingresou na Academia, co discurso Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía. Nesta institución será o redactor principal das súas Normas ortográficas, de 1970, pero progresivamente vaise distanciando destas teses e pasado un decenio publica Problemas de língua galega, onde defende as teorías a prol do reintegracionismo lingüístico co portugués como vehículo de normalización. Unha posición que o afastaría da ortodoxia institucional nos últimos anos e que, segundo moitos, prexudicaría as súas posibilidades para ser elixido para o Día das Letras (chegou a ser candidato ata en media ducia de ocasións previas). Faleceu en 1990.

Carvalho iniciou a súa andaina literaria como poeta, termo ao que nunca renunciou. En 1980 recollería toda a súa obra lírica ata ese ano no volume Pretérito imperfecto, dende o existencialismo de Vieiros á vangarda e o erotismo de O silencio axeonllado, chegando á súa produción de posguerra -na que Salterio de Fingoi é o máis representativo- e os poemarios máis recentes, como Futuro condicional.

Como narrador, conta coa saga fidalga de A xente da Barreira, así como Scórpio, unha achega de trazos autobiográficos que retrata á xeración dos vencidos da Guerra Civil. Mención especial merece tamén o seu teatro, que xa empezara na mocidade, e que acada a súa máxima expresión en títulos como Auto do prisioneiro ou Os xefes. Por último, pero non menos importante, cómpre subliñar a súa vertente ensaística, con estudos sobre Rosalía e Castelao, pero que chega ao seu cumio en Historia da literatura galega contemporánea, un fito que aínda mantén vixente a súa influencia.

No seu labor xornalístico destacan as súas colaboracións en La Voz, que se remontan a anos tan temperás como 1952. Durante varias décadas escribiu sobre lingua e literatura -Rosalía, Dieste, Otero Pedrayo, Castelao (en 1970)- pero tamén de temas como o estatuto de autonomía de 1981.