Aprendizaxe en París

CULTURA

24 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor peruano Alfredo Bryce Echenique é un dos que mellor soubo explicar aqueles tempos en que moitos latinoamericanos correron a París para buscar a pegada de Ernest Hemingway e compañía, co fin de iniciarse así no oficio de escribir. O cubano Cabrera Infante foi outro dos que profundaron na obra do novelista norteamericano, e en xeral case todos os pioneiros do boom tiveron a súa maneira de achegárense a el para tratar de aprender, aínda que logo algúns se distanciaron moito.

As obras do norteamericano que Bryce prefería eran A través do río e entre as árbores e O vello e o mar, dúas pezas literarias que non eran as máis recoñecidas, aínda que O vello e o mar axiña comezou a sobresaír con forza. Para o peruano eran as dúas obras coas que Hemingway «terminou o seu eterno combate coa adolescencia e acadou a madureza e a paz». E eu penso que iso foi certamente así. Todo o Hemingway anterior ten o fulgor dunha estrela cegadora e irrefreable, pero tamén artificiosa.

De certo, hai que dicir que foron moitos os escritores latinoamericanos que, coma Hemingway, pasaron algunhas tempadas de aprendizaxe en París. Entre eles, Miguel Ángel Asturias, César Vallejo, Pablo Neruda, Alejo Carpentier, Octavio Paz, Gabriel García Márquez, Julio Cortázar, Mario Vargas Llosa, Julio Ramón Ribeyro, Severo Sarduy, etcétera. E todos tiveron a súa maneira de converter esa estancia nunha aprendizaxe vital e literaria. Porque todos querían aprender, para converterse no que máis ambicionaban: ser escritores latinoamericanos capaces de entronizar no universo unha literatura propia do seu mundo. E hoxe está universalmente recoñecido que o conseguiron. Tiveron mestres de todas as partes (Cervantes, Kafka, Dostoievski, Camus, Dos Passos e un longo etcétera) e despois foron tamén mestres entre eles mesmos, aprendendo uns dos outros nun proceso incomparable de respecto e de desafío.

A día de hoxe o apoxeo latinoamericano se cadra xa deu de si todo o que podía dar. Agora sabemos que a unidade que o caracterizou foi máis espacial que literaria. De certo, García Márquez e Borges, dous xigantes, parecen ter cada vez menos en común.