Da «Vila Bocontii» a Begonte

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Freixanes (tercero pola esqueda), con algúns dos autores dos traballos
Freixanes (tercero pola esqueda), con algúns dos autores dos traballos Diego Fernández

A Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica publican volumes de toponimia dedicados ao concello lucense e mais a Rábade, Trabada, Ames e A Estrada

10 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia conta cun tesouro toponímico: os seus 40.000 nomes de entidades de poboación representan a cuarta parte dos de toda España e 4.000 máis que Portugal. Nesta riqueza pescuda a colección Terra Nomeada, unha serie de volumes promovidos pola Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica. Tralo libro inicial de Luz Méndez sobre Agolada, este martes presentáronse catro novos títulos: Trabada, a cargo de Xulia Marqués; Begonte e Rábade, por Paulo Martínez Lema; A Estrada, de Fernando Cabeza Quiles; e Ames, da autoría de Xosé Ramón López Boullón. Entre todos suman 1.200 nomes.

«A lingua é a expresión máis afortunada que os seres humanos temos para identificar e compartir a realidade», explicou o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. «Os nomes de lugar forman parte do corazón da lingua, patrimonio histórico no que recoñeceremos a memoria dos nosos devanceiros», engadiu.

Ana Boullón, académica correspondente e presidenta da Asociación Galega de Onomástica, salientou que a gran maioría dos nomes de lugar de Galicia son de orixe latina, pero tamén se encontraron restos antiquísimos de orixe prerromana, así como nomes de posesores medievais. A toponimia, ademais, achega información sobre a evolución da lingua e tamén sobre como era a nosa terra en épocas pasadas, dende aspectos de xeografía física a xeitos de habitar ou oficios, ademais da pegada da Igrexa católica. 

Begonte e Rábade

Nomes persoais. Begonte ten a súa orixe no nome persoal Vocontius ou Bocontius, parece ser que de orixe celta, a través dun sintagma (Villa Bocontii). A atestación máis antiga fiable é Boconti, no testamento do bispo Sisnando, no ano 966, conservado no Tombo de Sobrado. Pola súa banda, Rábade podería retrotraerse á voz hispano-árabe rabad, que significa ‘barrio’ ou ‘suburbio’, do que tamén deriva arrabalde. 

Trabada

«Tabulata». Trabada é unha extensión metafórica de táboa (e taboada), unha evolución semántica de ‘cuberto de táboa’, ‘superficie igual a’ e logo ‘terreo chan’. Entre os séculos VIII e XIII hai un uso ininterrompido de tabulata, para localizarse Trabada no Diploma do rei Silo, do 775, onde tamén aparece o topónimo O Piago Negro, en referencia a un pozo grande dun río, profundidade subliñada polo adxectivo. 

A Estrada

«Via Strata». En latín strata é o substantivo ou participio pasivo de sternere, ‘estender polo chan’. O topónimo viario refírese a unha estrada antiga que pasaría pola localidade que lle dá nome ao concello. A parroquia de San Paio da Estrada foi creada en 1855, en substitución da de San Paio de Figueiroa, e a documentación do topónimo A Estrada xa aparece nun documento de 1556 referente a un veciño, Juan Rabón.

Ames

Humidade. O nome do municipio pode interpretarse como un derivado coa mesma raíz que Oia, a raíz hidronímica indoeuropea weg-. O significado do topónimo sería o de ‘lugar moi húmido’. Tamén o nome da comarca, A Maía, ten que ver coa auga, xa que procede dunha raíz hidronímica indoeuropea, Am-, que remite a auga, río ou canal.