Viaxeiros de sona

CULTURA

15 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa sei que non hai ningunha proba de que Alfred Hitchcock estivese na praia arteixá de Barrañán tratando de localizar espazos para a súa película Os paxaros. De feito, sei que non estivo e, non obstante, viaxei alí en tres ocasións para fotografar os arredores que máis me facían relembrar algunhas imaxes do exitoso filme. Non atopei nada novo, xaora. E digo «xaora» sen querer, porque na miña experiencia xornalística moitas cousas aparentemente desmentidas pola realidade resultaron logo confirmadas por novos datos que viron a luz. Unha delas foi a presenza de Gabriel García Márquez en Galicia, no intento de atopar as súas propias raíces nas dos seus devanceiros galegos.

Tamén se dicía que Orson Welles non se achegara nunca por Galicia… mais un día atopei en Madrid un guión gótico que se titulaba Blind Window (traducido aquí como Ventá cegada), que el ía rodar preto de Santiago de Compostela. Souben tamén daquela dunha versión de Divinas Palabras de Valle-Inclán que Welles ía dirixir, protagonizada por Rita Hayworth, Terence Stamp, Fernando Rey, Ornella Mutti e Oja Kodar, e que por desgraza quedou en nada. E descubrín, así mesmo, unhas imaxes do propio director percorrendo a granítica Compostela na busca de exteriores, cunha cámara na man.

O xornalista galego Antonio D. Olano, amigo de homes de talento como Picasso e Dalí, tiña por certo que Orson Welles estivera en Pontevedra, nunha corrida de touros literalmente celebrada baixo paraugas. Chegara alí desde Madrid no avión cargueiro que cada verán alugaba Luis Miguel Dominguín, e seica Welles paseara gustoso pola cidade. (O crítico taurino Díaz Cañabate dixera daquela que «máis vale unha praza chea de galegos, por poucos touros que vexan ao ano, que a de Madrid chea de turistas»).

A listaxe de escritores estranxeiros que viaxaron por Galicia é moi longa e moi interesante. Están incluídos nela escritores como Ernest Hemingway, John Dos Passos, José Saramago, Gabriel García Márquez, Julio Cortázar, Graham Greene e grandes autores de libros de viaxes como Aubrey Bell, George Borrow, Richard Ford, Jean-Christophe Rufin John Carr, Samuel Widdingtron, Cees Nooteboom e moitos outros.