Fonte do Araño

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

05 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Era aló por finais da década dos anos 70 cando, a través dun bo amigo, indutor de músicas «distintas» ás convencionais, caía nas miñas mans unha gravación en cinta casete que dalgún xeito marcou a miña vida. Música de Galicia feita dun modo diferente ao coñecido naqueles tempos, pero cunhas cadencias moi familiares e brillantemente executada con instrumentos tradicionais maiormente, que lle conferían unha sonoridade moi particular. Eran os meus comezos e aquela música parecíame moi bela e profunda, incluso por momentos ata mística, ou polo menos esa era a miña percepción.

Aquela música era Fonte do Araño, a ópera prima do arpista Emilio Cao, un traballo discográfico editado no ano 1977, dos primeiriños naquel estilo que se deu en chamar folk celta, un xeito de facer música que chegaba a Galicia con forza por influencia do que xa levaban anos facendo bretóns, galeses, irlandeses ou escoceses. O traballo estaba prologado polo bretón Alan Stivell, un dos gurús da música celta, e nel destacaba os vencellos de irmandade das nosas culturas. A produción estaba a cargo de Nonito Pereira, un dos persoeiros que máis contribuíu, directa ou indirectamente, a que a música galega naqueles tempos iniciais arrincase do seu letargo e dese os primeiros pasos con boa perspectiva de futuro.

Naquela gravación na que Emilio Cao cantaba, tocaba a arpa e a cítola, participaron unha serie de instrumentistas que, co tempo, colleron un gran renome na música feita en Galicia, como Xoán Piñón á guitarra eléctrica, Xosé V. Ferreiros á gaita, Bernardo Martínez ás frautas ou Antón Seoane á zanfona. Entre todos eles, e probablemente sen esperalo, trazaron un camiño máxico que segue a dar voltas sen parar, que serve de referencia para poñer a Galicia no mundo a través da música e que ademais aínda emociona.

Non hai moito tempo, e por iniciativa do propio Nonito Pereira, este traballo volveuse editar no formato orixinal de LP e, de novo, da mítica Fonte do Araño volveu brotar auga limpa e cristalina para calmar a sede da boa música pola que non pasa o tempo.