A RAG estreita a relación de Galicia coa área cultural lingüística brasileira

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os presidentes das academias galega e brasileira, pouco antes da firma do convenio de colaboración
Os presidentes das academias galega e brasileira, pouco antes da firma do convenio de colaboración CESAR QUIAN

O protocolo subscrito por ambas as academias aposta polos proxectos compartidos

10 ene 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

«Non podemos perder a raíz, porque, se a perdemos, perderemos a tentativa de inscribirnos nunha comunidade de destino. E a nosa comunidade de destino non é unha comunidade imperial, é unha comunidade que pasa polas linguas que nos pronunciaron. Nós só existimos porque somos pronunciados polas linguas que falamos. Dalgún modo pensamos que pronunciamos as linguas, mais son elas as que nos pronunciaron anteriormente». Con esta fermosa declaración de intencións poñía onte broche de ouro o presidente da Academia Brasileira de Letras (ABL), Marco Lucchesi, ao protocolo de amizade e colaboración que a institución subscribiu coa Real Academia Galega (RAG) na sede da coruñesa rúa Tabernas. Tras unha xuntanza co seu homólogo na RAG, Víctor F. Freixanes, ambos os dous presidentes coincidiron na importancia de estreitaren os lazos entre as dúas linguas irmás e a necesidade de aproveitar o grande potencial da lusofonía.

O acordo abre as portas a potenciaren o intercambio de investigacións e manifesta o interese de levaren a cabo outros proxectos conxuntos, de «estreitar a relación entre a área cultural lingüística brasileira e a galega», subliñou Freixanes, para deixar unha afirmación moi clara: «Na Real Academia Galega hai conciencia de que a lingua galega forma parte dunha familia onde están os irmáns de Portugal, do Brasil, de Angola, Cabo Verde, Mozambique… un territorio cheo de posibilidades tamén para o galego. Nós sempre dicimos que o galego non é unha lingua local, é unha lingua que forma parte dese proxecto internacional», proclamou.

O documento permitirá afondar en proxectos compartidos, unha liña na que xa traballan desde hai tempo membros da RAG desde os seus respectivos eidos e en colaboración con universidades e outras institucións do Brasil. «Gustaríanos que este fose o principio dunha colaboración estreita coa Academia Brasileira de Letras, que tivo como presidenta a unha das nosas académicas de honra, Nélida Piñon», recordou. A escritora, que en 1997 se converteu na primeira muller á fronte da ABL, ten as súas orixes en Cotobade, que é tamén a terra do protagonista do Día das Letras Galegas 2019, Antonio Fraguas.

Tamén Lucchesi tivo palabras de afecto para a súa predecesora no marco dunha visita á RAG que cualificou como «histórica». Nese sentido, o presidente da ABL salientou ademais o valor sentimental que ten persoalmente para el este encontro: «O Brasil é unha república de etnias. Toda a miña familia é italiana, mais eu coñecía Galicia desde novo, nos traballadores que construíron esta república de etnias», explicou.

Referiuse, nesta liña, á situación que atravesan o seu país e as liberdades a nivel internacional, e asegurou que «a cultura é o último bastión da República do Brasil e da democracia, o último bastión en que nós podemos desenvolver proxectos que nos afirmen na nosa orixe e no noso futuro».

A ABL, con sede en Río, fundouse en 1897 co obxectivo de cultivar a lingua e a literatura nacionais. O seu actual presidente é escritor, tradutor, editor e profesor de Literatura Comparada.