A fecunda vida artística de Cobas

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

xose cobas

Un libro de imaxes e entrevistas documenta a longa traxectoria do debuxante, deseñador gráfico e ilustrador

23 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ars longa, vita brevis. A célebre cita de Hipócrates serve de colofón ao libro Xosé Cobas. Caderno de momentos (Deputación da Coruña), no que, a través de imaxes e unha conversa do artista co profesor e poeta Xavier Seoane, se repasa a traxectoria dunha persoa que en varias décadas tivo tempo de facer dende marcapáxinas ata obras de gran formato: unha vida coma a de todos os mortais, segundo o ditame hipocrático, mais fecunda e fértil no eido da creación, no que aínda segue.

MIGUEL SOUTO

Caderno de momentos percorre de xeito cronolóxico a andaina persoal e artística de Cobas dende o seu nacemento en 1953 en Logrosa, no concello de Negreira. A información biográfica está, neste caso, ao servizo da comprensión da traxectoria do pintor, quen de cativo xa debuxaba todo o que vía na taberna que rexentaban os seus avós, dende as imaxes dos almanaques ata as etiquetas dos envases. Non é casual, xa que logo, que andado o tempo Cobas traballase ambos conceptos gráficos, o da ilustración e o do deseño, especialmente a partir de 1991, cando acadou praza na Deputación coruñesa, da que se xubilou este ano. Atrás quedaba a consolidación dunha vocación -abandonou os estudos de Perito Mercantil- e o traballo en axencias de publicidade e colaboracións varias, como a que tivo con La Voz, onde ilustraba, entre outros, recensións de libros.

Xavier Seoane fai tamén unha análise dos elementos principais do universo pictórico de Cobas, onde poden convivir trazos do popular coa literatura máis fantasiosa -Italo Calvino- e as súas correspondencias iconográficas -Escher-. Unha ascendencia, a literaria, que se ben sempre estivo presente no traballo de Cobas, cobraría especial relevancia a partir do seu emparellamento creativo co escritor Xabier P. DoCampo: xuntos excederon a tópica relación de autor/ilustrador para concibir obras unitarias que non se entenderían sen as súas contribucións comúns.

xose cobas

Estas observacións de Seoane son ampliadas en primeira persoa ao longo de Caderno de momentos polo propio Cobas, quen, por exemplo, demórase nesa relación entre ilustración e lectura: «Cando me fun facendo máis co oficio de ilustrador, tiven que ir modificando a miña maneira de ler. Porque para ilustrar o difícil é clave, tanto ou máis que a execución gráfica, realizar a lectura do texto». Tamén hai pasaxes máis íntimas, nas que o artista revela claves biográficas que permiten admirar a súa obra baixo outra luz. Cando explica a importancia do silencio na súa vida, que o levou durante varios anos a recluírse unha semana durante as súas vacacións en mosteiros de clausura -«Ía na busca da estética do silencio, porque o silencio como tal é coma o branco e negro absolutos, non existe»-, a análise dalgúns dos seus cadros revela novos matices. Pasa igual coa luz, coa música e o alento poético, tan consubstanciais á arte de Cobas coma o mesmo trazo.