Cuspe marelo

Argimiro Corral Acebo

CULTURA

14 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cativos en moitas ocasións poden ser crueis. Cando eu o era, os nenos, fóra do horario escolar, botabamos a meirande parte do tempo xogando na rúa. Formabamos unha manda heteroxénea e variopinta, na que os xogos fortalecían a nosa camaradería.

En Ribadeo, O Xardín era o noso territorio, e o resto de rapaces alleos a el que pasaban por alí, ou ben os ignorabamos ou, no peor dos casos, previo desafío, iniciabamos batallas, as máis das veces a croiazos. Pero lembro que un día apareceu polo barrio un rapaz do noso tempo cun cántaro de lata, co que cruzaba camiño dalgunha granxa da contorna a buscar leite. Ía e viña, sen máis.

Certo día que pasou a carón do noso grupo deulle por cuspir ao chan, e decatámonos que o seu cuspe era de cor marela. Trala sorpresa inicial, deunos por rir e deseguido un de nós empezou a abouralo chamándolle «Cuspe marelo...! Cuspe marelo...!». Ao resto do grupo deunos por sumarnos ao mantra e durante un bo treito seguímolo aguilloando coa ladaíña, mentres o rapaz, apouvigado, abaixaba a cabeza tratando de ignorar a nosa brincadeira.

O caso é que ao día seguinte volveu aparecer polo barrio e nós volvemos rodealo, ao tempo que insistiamos: «Cuspe marelo...! Cuspe marelo...!».

O rapaz tentou atallarnos botándose a correr, pero nós fixemos o mesmo e entre risas e moneos, seguímolo aldraxando.

A leria repetiuse varios días seguidos máis. Collerámoslle gusto, está claro, e non reparabamos no dano que lle faciamos. Un día, o rapaz tentou arredarnos, pero rodeámolo e volvemos teimar no noso enredo. O rapaz, case a punto de carpir, de socato berrou: «Non! Estou farto!», e deseguido cuspiu con forza no chan. Fixamos a nosa ollada no cuspe e vimos que era cuspe normal. Non soubemos que dicir. O neno ollounos desafiante e de súpeto dixo: «Ao próximo que me aldraxe doulle unha labazada! Mamóns!»

Botou a andar sen ollar atrás. Nos quedamos ollando para el sen saber que dicir. Nunca máis nos volvemos meter con el.

Argimiro Corral Acebo, A Coruña. Administrador de fincas.