A marca FestGalicia estréase, en Caldas, no PortAmérica

lucas méndez veiga CALDAS DE REIS / LA VOZ

CULTURA

emilio moldes

A iniciativa da Xunta busca promover Galicia como territorio musical asociado á calidade e a sostibilidade

18 ene 2020 . Actualizado a las 13:37 h.

O Festival PortAmérica caracterízase por incluír moitas outras actividades amais da música. É deste xeito como o evento tenta mostrar outras realidades de Galicia como a gastronomía co chamado Showrocking. O certame continúa a desenvolverse cunha gran resposta do público. Na Carballeira de Caldas os afeccionados vibraron na xornada do venres cos grupos invitados, coa banda Vetusta Morla como o principal cabeza de cartel da noite. Hoxe, o festival recibirá a visita de ilustres da cita e recoñecidos grupos como os madrileños Izal e o cantautor coruñés Xoel López.

Nesta última edición do festival en Caldas, os asistentes contan cun stand novidoso. Trátase da iniciativa Fest Galicia, que pretende dinamizar o territorio galego como destino musical de referencia ao amparo da sostibilidade e a responsabilidade social. Esta iniciativa prolongarase nunha ruta por boa parte dos festivais que terán lugar en Galicia no verán do 2018.

Con esta marca divulgarase unha campaña baixo o lema O galego crea ambiente, que fai un xogo de palabras que evoca xustamente o coidado polo entorno natural. O obxectivo será fundamentalmente captar achegas da mocidade. O programa tentará descubrir os usos do idioma na xente nova, incidindo nas opinións da xuventude sobre os plans de dinamización da lingua.

Pensando na mocidade, trátase tamén de promover o uso do carné xove, ademais doutros programas que ten en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O ámbito da igualdade tamén terá especial peso en carteis artísticos con perspectiva de xénero e unha campaña chamada AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual, que ten como prioridade garantir a seguridade das mulleres nos grandes eventos de ocio.

Apoiando esta iniciativa no festival estivo a tarde de onte o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, acompañado doutras personalidades do ámbito lingüístico e da cultura, que centran o PortAmérica.