Xosé Luís Regueira: «Temos que situar o Instituto da Lingua ao nivel da investigación internacional»

O novo director do ILG colócase á fronte dunha institución á que leva vinculado dende os inicios da súa vida académica


santiago / la voz

A xunta de goberno do Instituto da Lingua Galega reuniuse onte para nomear á persoa que substituíse á fronte da institución a Rosario Álvarez, nova presidenta do Consello da Cultura Galega, e non foi sorpresa para ninguén que o elixido fose Xosé Luís Regueira (Vilalba, 1958), xa que o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago leva toda a súa vida académica vinculado ao ILG. «Xa antes de rematar a carreira traballei como bolseiro», recorda. Logo dunha paréntese de dous anos como lector en Alemaña, volveu á USC e retomou o seu traballo investigador nunha institución clave para os estudos filolóxicos do galego.

-¿Tiña asumido que lle tocaba esa responsabilidade?

-A verdade é que sempre asumín cargos na universidade, pero agora levaba un ano xa que non, dedicado ás clases e á investigación, e xa me estaba a afacer, pero isto é distinto, non tiven dúbida algunha porque todos temos que asumir as responsabilidades que nos tocan, se non, as cousas non funcionan. Hai un plus de motivación moi gratificante polo compromiso que teño coa universidade, coa investigación e coa lingua.

-Rosario Álvarez, Antón Santamarina, vostede mesmo... Estamos a falar dunha xeración que iniciou os estudos filolóxicos da lingua galega. ¿Cales son os novos desafíos?

-O ILG é un instituto de investigación e temos que situalo ao nivel da investigación internacional. A nosa xeración foi a que fixo o Atlas Lingüístico Galego, a Gramática da Lingua Galega, o Dicionario, as Normas... e os que situamos ao galego na Filoloxía Hispánica, e agora o que queda é poñelo no mapa internacional, como unha lingua normal sobre a que se investiga. Non hai que ter unha relación sentimental, é un obxecto de estudo, e xa está empezando a selo. A súa presenza nas grandes publicacións internacionais aínda é anecdótica e hai que normalizar a investigación sobre o galego.

-Estaba a traballar nos cambios lingüísticos da lingua falada. ¿Faltaban estudos sobre o galego actual?

-Hai unha cuestión evidente que afecta á lingua e que é o contacto co español; todos os que falamos galego falamos tamén español, pero ao revés, non. Habería que estudar tamén como se fala o español en Galicia, de feito, hai dúas persoas na USC que o están facendo. Pero tamén hai pouca xente traballando na lingua real actual que non é só se se fala ben ou se fala mal, senón tamén que se fala e que lle inflúe. A sociedade galega nos últimos 50 anos sufriu un cambio dramático, dunha sociedade rural a outra urbana. Hoxe nas aldeas xa non hai velliños cun sacho e o que atopamos son granxas tecnolóxicas conectadas a un ordenador onde se fala de embrións xeneticamente modificados, aínda que sexa con gheada. ¿En que medida afecta todo iso á lingua? ¿Que está pasando coa transmisión da lingua nas familias? Todo iso está por estudar.

-Tamén está na Real Academia Galega.

-Loxicamente hai unha relación estreita de colaboración, moita xente dos seminarios da RAG son do ILG.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Xosé Luís Regueira: «Temos que situar o Instituto da Lingua ao nivel da investigación internacional»