Valle-Inclán e Monleón

CULTURA

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Monleón (1927-2016) foi o crítico de teatro que defendeu con máis tesón e convencemento o vangardismo dramatúrxico de Valle-Inclán, cando as obras deste autor aínda non gozaban de ningunha estima xeralizada. Monleón arroupou as postas en escena dos anos 60 e 70, que foron as que cambiaron o destino teatral de noso gran creador, que pasou de ser cualificado de «irrepresentable» a converterse en «adiantado das vangardas», á altura de Brecht, Ionesco, Beckett ou Adamov. Deste xeito, un Valle-Inclán que non coñeceu o éxito teatral en vida, converteuse no primeiro e máis internacional dos autores españois modernos uns vinte anos despois da súa morte e malia a censura franquista.

No descubrimento teatral de Valle-Inclán haberá que citar sempre ao director de teatro José Tamayo e ao crítico José Monleón. Os dous souberon ver o enorme tesouro que había en obras como Divinas palabras, as Comedias bárbaras, Luces de bohemia ou as tres pezas dramáticas recollidas en Martes de Carnaval. A eles lles debemos a recuperación teatral do autor arousán. E é importante dicir arousán -ou galego da ría de Arousa- porque aí está a chave que permite abrir moitas portas de acceso á comprensión da raíz enxebre da súa obra. O propio Monleón decatouse disto cando viaxou a Galicia a finais da década de 1960 para descubrir a «atmosfera sensorial e social da súa Galicia». Alí estaba a paisaxe/paisanaxe asombrosa e reveladora que permitía entender «a propia agonía do escritor, a súa condición de Gatopardo galego».

Cando eu fun ver ao crítico para pedirlle un prólogo para o libro que escribimos hai dez anos Javier del Valle-Inclán e máis eu sobre a morte de Valle en Compostela, Monleón emocionouse e quixo relembrar aquela viaxe súa, porque, ao seu ver, naquel espazo orixinario estaban as chaves explicativas de todo o que foi Valle-Inclán e de como se foi cocendo dentro del a súa propia obra. Alí sentiu o alento das personaxes de Águila de blasón, Romance de lobos ou Cara de plata, pero sobre todo descubriu a orixe da enorme grandeza creativa de Valle-Inclán… e tamén a súa proximidade coa de Luchino Visconti.