Escolares de «21 días co galego» contan na RAG o vencello coa lingua

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

ANGEL MANSO

«Se non fose por esta experiencia non me atrevería a falar en galego na casa e cos amigos»

09 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Gustoume moito a experiencia, pareceume interesante e entretida, porque creo que se non fose por ela non me atrevería a falar en galego na casa e cos amigos. Eu antes nunca falaba galego». Isto confesaba onte na Real Academia Galega Erea Castelo, unha das 80 estudantes de secundaria do IES da Pobra do Caramiñal e do Colexio Fogar Santa Margarida da Coruña que contaron aos académicos o que fixeron no proxecto 21 días co galego, unha experiencia para compartir.

Esta iniciativa foi posta en marcha pola profesora Pilar Ponte no centro da Pobra hai cinco anos. Tanto ela como Carlos Medrano, do colexio Santa Margarida, que se sumou ao proxecto hai dous anos, dixeron: «Esta é unha experiencia para compartir, ofrecemos todo o material dos nosos blogs para quen queira dispoñer del».

Despois de escoitar a escolares e profesores, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, animounos a seguir, «contades co apoio da Academia incondicionalmente». E Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Lingüística, dixo que «o galego non só necesita estudos e análise, tamén necesita iniciativas en positivo». O alumnado pide campamentos, supervendas literarios e cine en galego, e Medrano dixo: «Independentemente de que o alumnado falase máis ou menos en galego, con 21 días conseguimos algo, se cadra, máis valioso: aproximar a lingua á vida cotiá dos que a tiñan máis lonxe e reforzar a autoestima dos que a tiñan máis cerca».