Poemas familiares ao unísono

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

As novas creacións poéticas de Helena Villar Janeiro, María do Cebreiro e Xesús Rábade -nai, filla e pai- chegaron, por esta orde, ás librerías no prazo dun mes

18 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«É primavera. Canas e pólas tecen lazos nupciais». «Ningún amor morre de todo mentres sigamos vendo pasar as súas imaxes». «Só quen nunca amou non sente como pesa no corazón a ausencia». Non é un mesmo poemario, aínda que entre eles hai vínculos. Pertencen a Poesía mínima (Alvarellos), de Helena Villar Janeiro; a Soños. Arquivos. Cartas (Xerais), de María do Cebreiro; e a Memoria do corpo (Galaxia), de Xesús Rábade. Nai, filla e pai, respectivamente, que por esta orde chegaron ás librerías no prazo dun mes. «Démonos conta cando xa estaban publicados, é sorprendente, porque depende de cando a editorial os lanza», explica Xesús Rábade. É a primeira vez que coinciden os seus traballos con tan escasa marxe. «Se somos tres persoas que nos dedicamos a escribir, o raro é que non tivese pasado antes», engade María do Cebreiro. Pero se agora coinciden os tres, Helena Villar Janeiro lembra como xa hai anos toda a familia foi galardoada en Vilalba: «Gañamos un premio os catro, tamén Abelardo [o fillo, pianista e compositor]».

As publicacións de María son sempre as que máis por sorpresa chegan. «Do primeiro libro decatáronse cando xa estaba nas librerías. Meus pais nin sequera sabían que se ía publicar», explica María entre sorrisos. «É moi autónoma, incluso tiña reservas antes de conquistar a voz propia para dar os textos, sobre todo a nós, e enténdoo», asegura Xesús, que indica que sempre se achega dos primeiros a mercalos «e despois divúlgoo como podo». Porén, Helena coñecía moi ben Memoria do corpo, de Xesús Rábade. Levaba traballando nel cinco anos. Tamén os haikus de Poesía mínima comezaron a agromar hai tempo. Helena subiu á Rede uns seiscentos nos últimos anos, combinando versos e imaxes, e houbo que facer unha selección de cincuenta, que foron traducidos ao castelán e ao inglés. As fotos que acompañan estes versos tamén as fixo a propia escritora.

¿E que destaca nestes novos traballos que acaban de chegar ás librerías? Son eles mesmos os que analizan as creacións. Helena destaca «o ritmo singular, tremendamente lírico» de Xesús en Memoria do corpo. De María, pola súa parte, o que máis admira «son as xenialidades que te sorprenden nun momento determinado e te deixan case en éxtase, así como a proximidade da súa poesía á súa vida». Un aspecto no que tamén coincide Xesús, que resalta a «mestría nas expresións» da súa filla e o seu «empeño ultimamente en desfacer o ritmo profundo que a acompaña, e iso é bo». En canto a Poesía mínima, de Helena Villar Janeiro, Rábade fai fincapé na «esencialidade lírica e imaxinativa, tamén na imaxe. É un libro de esencialidade. A iso chégase moi dificilmente, a través dos anos».

¿E como ve María os poemarios de seus pais? No caso da publicación de Helena Villar Janeiro destaca a visualidade, «non só porque o propio poema crea a imaxe, senón porque leva ese soporte interartístico». No caso do último traballo de seu pai, coincide con súa nai ao destacar o aspecto lírico. «Penso que aínda que el nunca abandona esa veta de denuncia, esa musa política, eu téñoo tamén por un gran poeta lírico e si que vexo un regreso a ese momento elexíaco».

Os tres falan entre sorrisos e con gran complicidade, e coinciden en sinalar que as voces poéticas de Xesús e de María teñen máis semellanzas entre si. E destacan que aprenden un dos outros. «Aínda que a miña se pareza menos, tamén estou alimentada polas súas voces», di Helena.

«Sería difícil escribir hoxe un libro xuntos, as nosas voces están moi diferenciadas»

A literatura está moi presente dende sempre na casa Rábade-Villar Janeiro. «Nas casas de escritores fálase da vida literaria, igual que na dos comerciantes falarán diso... Pero hai que chegar a un punto de desconectar, igual hai quen pensa que estamos toda a comida recitando, o cal sería insoportable», explica María do Cebreiro. É súa nai quen conta unha anécdota que demostra que non todo é poesía. «O primeiro encontro de María coa literatura foi cando tiña uns dous anos. O pai escribiu un soneto e púxose a lelo polo corredor. Cando terminou de recitalo, María dixo: ‘Papá, por que dis hoxe tantas tonterías’». María lembra como ela e seu irmán xogaban de pequenos a ser escritores, tomando a identidade doutros. «Iso axudoume a non mitificar», engade a autora de Soños. Arquivos. Cartas.

Agora que coinciden cos tres libros, ¿poderían chegar a publicar un traballo xuntos? «Hoxe sería moi difícil ata que Xesús e eu escribiramos un libro xuntos», explica Helena Villar Janeiro, como fixeron hai uns anos. «As voces hoxe están bastante diferenciadas, pero iso non quere dicir que non haxa colaboracións posibles», engade Xesús Rábade, que lembra como o seu primeiro libro conxunto con Helena foi «un escándalo social» e incluso houbo algún xurado literario que quería que retiraran os poemas dun deles. ¿E sumar a Abe Rábade tamén á poesía, xa que recentemente demostrou a súa habilidade para os palíndromos? «El mesmo vai cara á poesía», explica súa irmá, mentres que a nai lembra que xa ten escrito «e ten algúns acertos interesantes».

Para os tres escritores, a poesía en Galicia é o xénero literario que máis aberto está á innovación, lembrando que ademais «foi o que máis fixo brillar á literatura galega».