O inesgotable tesouro de Rande

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Anxo Fariña adoita a escribir e ilustrar as historias da súa autoría, como Os Megatoxos
Anxo Fariña adoita a escribir e ilustrar as historias da súa autoría, como Os Megatoxos Oscar Vazquez

Anxo Fariña desenvolve a sexta aventura dos Megatoxos arredor dun galeón que non figuraba nos rexistros da batalla e que portaba un arma capaz de cambiar a historia

12 feb 2018 . Actualizado a las 14:00 h.

Despois de seis libros -o último, de recente aparición, Os Megatoxos e a batalla de Rande (Xerais)- os personaxes creados por Anxo Fariña (Vigo, 1977) son xa vellos coñecidos dos lectores mozos. Nesta ocasión Faísca Malvar, Ninfa Carballa, Lúa Serea e Ruxe Ferreiro intérnanse na que podería considerarse como unha das aventuras estrelas da historia de Galicia: os galeóns afundidos na ría de Vigo. Os Megatoxos descobren nesta nova historia que existiu un navío que non figura nos rexistros, o Indomable, e que a bordo cargaba cunha arma que ben puidera ter cambiado o curso da historia.

¿Que ten Rande que tantos anos despois de inspirar ao mesmo Verne segue a engaiolar a lectores e autores? «Teno todo», é a rotunda resposta de Fariña. «Unha flota coas adegas repletas de tesouros traídos de América, varios países en contenda, ducias de barcos, arriscadas manobras, milleiros de soldados, batallas tanto no mar como na terra, un entorno como o da ría de Vigo e Cíes. ¿Que máis se pode pedir? Pois que en Londres exista unha rúa chamada Vigo Street en referencia á batalla e que exista a lenda de que parte deses tesouros aínda repouse no fondo da ría, tal e como especulaba Verne en 20.000 leguas de viaxe submarina», amplía. Para o escritor e ilustrador, esta fascinación ten unha compoñente biográfica: «De neno encantábanme as películas con barcos e piratas, así que a escolla era lóxica. Paseino en grande investigando sobre o acontecemento».

Ademais dos escenarios nos que se desenvolven as súas aventuras -do Xapón medieval ao París da Revolución industrial, pasando pola idade dos castros-, os Megatoxos tamén engaiolan polas peculiares circunstancias dos seus protagonistas: catro mozos cunha dobre vida grazas a unha mutación xenética e que poden viaxar no espazo e no tempo. Para o seu creador, o segredo dun éxito que lle permitiu chegar á sexta entrega consiste en divertirse e que ese gozo se transmita aos lectores. «O certo é que os Megatoxos é a colección máis extensa de toda a literatura xuvenil galega, o cal me produce unha gran responsabilidade e orgullo. Se os Megatoxos conseguiron este logro creo que é en parte por ser divertidos, estar cheos de aventuras, as viaxes no tempo e que moitos rapaces se identifiquen cos personaxes e cos seus poderes. E o da dobre vida... ¿a quen non lle apetecería poder converterse en lobo, ou facer que as plantas te obedezan despois de estar toda a mañá no instituto?», argumenta.

Evolución

Seis libros permiten tamén que os personaxes evolucionen. Os seareiros dos Megatoxos atoparán neste libro como o cuarteto ten que afrontar unha inevitable maduración: «Por primeira vez pregúntanse se estaría ben cambiar o pasado para evitar algúns feitos. Está é unha decisión que implica unha grande responsabilidade, xa que a historia está repleta de batallas, de vencedores e vencidos. Eles, ao chegar do futuro, coñecen os feitos e teñen outra perspectiva. Neste libro aprenderán que está ben cambiar, pero que “o cambio polo cambio” non ofrece garantías de mellora. Tamén descubrirán que hai dúas maneiras de facer ben as cousas: por amor, ou con amor».

Escenarios para novos libros: do antigo Oeste á Guerra Civil española

Se os Megatoxos poden viaxar no tempo, en certo modo é posible porque Fariña soñaba de neno con construír unha máquina do tempo e «poder revivir algúns momentos clave e coñecer a persoeiros das artes, da literatura, das ciencias...». Non é de estrañar, xa que logo, que o autor -e tamén ilustrador, que bosquexa personaxes e lugares ao tempo que escribe- estea xa matinando en novos escenarios para futuras aventuras. «Neste intre non o teño definido», anuncia. «Pero teño varios lugares que me apetecía tratar, quizais levalos ao antigo oeste americano, á Segunda Guerra Mundial, á Guerra Civil española, Exipto... ou quizais ao futuro. Apetéceme moito escribir unha historia na que os Megatoxos se atopen consigo mesmos cando sexan adultos. Sería moi divertido», conclúe.