Ex futuros

Xesús Fraga
Xesús Fraga LUZ DE CRUCE

CULTURA

29 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O derradeiro día do ano pasado Miguel-Anxo Murado escribiu en La Voz sobre os multiversos, é dicir, unha infinidade de mundos que coexisten de xeito paralelo con lixeiras variacións: cando eliximos unha opción no universo no que vivimos, a contraria tamén se desenvolve, só que noutra realidade que, en principio, escapa á nosa percepción. Esta mesma hipótese goberna a vida de Archie Ferguson, protagonista da última novela de Paul Auster, 4 3 2 1, quen honra o célebre poema de Robert Frost sobre o camiño non tomado: pequenas ou grandes decisións que alteran o rumbo da nosa existencia de xeito decisivo. E non se trata só de escollas conscientes ou autónomas. No devalo da vida intervén, como Auster sabe, o que Unamuno chamou o «fuxidío azar».

Foi Unamuno quen tamén se referiu como un «eu ex futuro» a esa escisión nosa que toma un vieiro alternativo nun determinado intre. Ao escritor obsesionábao a encrucillada na que percorreu o camiño que o habería de levar a Salamanca, no canto de ficar no seu Bilbao natal. Cada día nacen connosco infinitas variantes do noso eu, que imos abandonando á súa sorte. ¿Como seriamos de seguir a carreira que en secreto desexamos, de casar coa primeira parella, de aceptar aquel traballo noutro país ou estoutro negocio que nos ofrecían? Igual que coa ficción ucrónica, a exploración especulativa dos ex futuros ofrece ilimitados argumentos á fantasía.

Do «eu ex futuro» escribiu Unamuno despois de ler un relato de Henry James, The Jolly Corner. Nel Spencer Brydon regresa á casa neoiorquina onde transcorreu a súa infancia antes de instalarse en Londres. Inevitablemente, conxectura sobre o destino do neno que ficou naquel edificio e chega á conclusión de que o seu espectro ten enfeitizado o lugar. Ese sortilexio non é máis que o reflexo da fascinación que sentimos non polo que somos -a realidade é rutineira-, máis ben ao que puidemos chegar. «O que queremos ser e non o que somos é o noso eu íntimo», di Unamuno. Convén non deixarse arrastrar pola tentación de reprocharlle aos nosos eus ex futuros eses camiños sen saída e vocacións non logradas, porque calquera día serán eses fantasmas os que virán a pedirnos contas a nós.