Volver con Cunqueiro

CULTURA

01 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou o ballón do centenario de Álvaro Cunqueiro, que nos empapou de múltiples saberes arredor da súa vida e a súa prodixiosa obra. Logo, veu un estraño silencio que, ao meu ver, demostra algo moi lamentable: que sabemos quen é o autor, pero, tamén, que non estamos seguros de entender a súa obra. Porque quizais o que non se dixo é que Cunqueiro non é un autor fácil de comprender. Por iso ás veces téndese a falar das súas creacións como se se tratase de pezas máxicas, de inventos irreais ou de caprichosas argalladas. Pérdese así a visión do sentido esencial dunha obra que é, sobre todo, unha ollada profunda sobre a vida e o que nos acontece nela, incluída a morte.

Hai humor e hai poesía na ollada de Cunqueiro, é certo. Pero non é o humor do chiste fácil nin da ocorrencia sen sentido. Relean as páxinas maxistrais con que comeza a novela Fanto Fantini ou o máxico encadeamento de reflexos máxico-lendarios de Merlín e familia, Si o vello Sinbad volvese ás illas ou Un home que se parecía a Orestes. Unha restra de páxinas portentosas polas que desfila un sentido profundo da vida e dos soños. Porque vivir e soñar forman parte, dun xeito inseparable, de todas as obras de Cunqueiro. Por iso son tan humanas, tan próximas a nós e, ao cabo, tan reveladoras dos sentidos profundos da vida (é dicir, do real e do imaxinado). Por todo isto, convén non afastarse da súa obra, que é tamén o envés do xornalista que el era.

Cunqueiro é un creador que debe ser continuamente revisitado, como ben dixo o gran poeta catalán Pere Gimferrer na Real Academia Española, de xeito que esteamos sempre regresando a el, sen térmonos ido nunca. Porque o escritor de Mondoñedo non ten antecedentes nin descendentes literarios. Ten parentes máis ou menos próximos, coma o cubano Carpentier ou o arxentino Borges, que, de certo, nin sequera pertencen á mesma escola de fabuladores. Cunqueiro é un autor que, como atinou a dicir Francisco Umbral, estaría por riba dos demais se fose latinoamericano. Mais Cunqueiro foi sempre de Mondoñedo, tamén cando estaba fóra da súa propia vila! Sempre respirou por esa orixe. Por iso é autor dunha literatura que, sendo fondamente galega, tamén é universal.