Non é París, é México

Mariluz Ferreiro LA VOZ EN GUADALAJARA

CULTURA

A escritora e enxeñeira María Canosa levou a súa obra e o galego a uns corenta alumnos mexicanos de bacharelato que lle preguntaron «de todo»

01 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Está o tópico da angustia do escritor ante a folla en branco. E despois está o autor que se presenta ante corenta alumnos de bacharelato. Iso pasoulle a María Canosa, unha das puntas de lanza da delegación galega na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (FIL). Canosa, gañadora do premio Merlín 2017 con Muriel, visitou o centro educativo UNE Plantel Milenio, en Zapopan. «Preguntáronme de todo», conta a creadora. Desde por que escribe en galego ata pola comida. Ela levoulles un póster do seu libro Non é París, que contén a frase: «Unha novela que desintegra o amor romántico». E eles déronlle unhas cantas voltas. Algúns ata lle confesaron historias vividas en primeira persoa nas que se abandonaba o país pola parella.

Aos nenos mexicanos que coñeceu Canosa interésanlles as obras para adultos. Tívolles que explicar o xogo de palabras do título Disparo. Leulles en galego. Faloulles en galego. Traduciulles un conto de O que nunca che contaron. E o profesor da clase prometeu seguir avanzando cun dicionario.

Os nenos xa espiaran a María Canosa previamente nas redes sociais. Sabían que é enxeñeira de camiños e tiñan curiosidade por saber como influía iso na súa obra e viceversa: «Dicíanme que un erro como enxeñeira era moito peor que non ter éxito cun libro. Eu comenteilles que na obra o importante son os cimentos, a base. É que cando escribes sempre tes medo á reacción da crítica e do público».

Eles, na área de Guadalaxara, que suma uns doce millóns de habitantes, sorprendíanse de que Canosa se criara nun pobo de dous mil habitantes. Porque en México, núcleos que serían a terceira cidade de Galicia merecen só o nome de poboacións.

Consellos para futuros autores

Prometeron escribir cartas para pedir que a traduzan máis ao castelán. E preguntáronlle pola poesía. Sobre todo unha rapaza que estaba triste e que escribía porque estaba lonxe da súa parella. Os futuros escritores pedían consello.

Paula Carballeira, outra das embaixadoras da delegación galega invitada pola Xunta a esta gran feira do libro de México, tamén se achegou antes ao Instituto Renacimiento Juan Pablo II, máis lonxe, en Tepatlitán. Os estudantes sumáronse encantados coa lección aprendida. Coñecían as obras e a traxectoria da galega. E fame de contos. Para iso non hai muros.

Xosé Ballesteros: «Hai quen aforra todo o ano para mercar libros nesta feira»

Os que visitaron outras grandes feiras do libro no mundo din que a de Guadalaxara (FIL) non ten nada que ver. Polo público. Familias. Pequenos cos seus colexios. Avós curiosos. Nenos indios que pasean polo recinto. Veciños da cidade e do arredor que esperan esta cita cos ollos abertos para acudir a conferencias, preguntarlle aos autores, e comprar. Xosé Ballesteros, director da editorial Kalandraka, di que «hai pais e nenos que aforran todo o ano para comprar libros nesta feira». Iso non pasa nos grandes certames de Alemaña, moito máis dirixidos aos profesionais do sector. Porque, como recorda o propio Ballesteros, máis alá das instalacións e da cidade que acolle a esta nube de creadores e empresas, hai outro mundo onde un libro é un luxo.

Kalandraka, que presenta dous postos nesta feira, xa que conta con negocio en México, apostou sempre pola internacionalización e viu medrar a FIL edición tras edición, desde hai uns 14 anos. ¿As tendencias de agora? «Imposible dicilo», comenta Ballesteros. Aínda que, di, a oferta e a demanda sinalan que hai interese polo libro informativo ilustrado. Obras que tratan sobre animais, árbores... Pero hai cousas que se manteñen. A eles, en México, aínda hai xente que lles lembra con agradecemento a tradución á lingua maia de Onde viven os monstros, a obra máis coñecida de Maurice Sendak, que foi publicada no 2015. E a Ballesteros tamén lle emocionaron unha nai e unha nena mexicanas que o buscaban porque era o autor de Tío Lobo.

Non moi lonxe, no posto de Galicia que organizou a Xunta, un home achegouse coa súa rapaza para que vira por primeira vez libros escritos en galego, na lingua do lugar de onde viñan parte das súas orixes. Alí esperábanos as obras dos creadores invitados pola Xunta: o ilustrador Federico Fernández e as escritoras María Canosa e Paula Carballeira. Pero tamén os libros de Carlos Casares, homenaxeado na última edición das Letras Galegas.

Nova Galicia é outra editorial galega clásica en Guadalaxara, onde este ano tamén contan con representación Arnoia, Edicións do Cumio e Infobibliotecas. Pola feira pasaron tamén o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, os reitores das tres universidades galegas e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.