Tulita

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

27 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Do primeiro que falamos -nada máis coñecérmonos en Compostela, no 2010- foi do hipocorístico dela, Gertrudis, que, no castelán de Centroamérica, endoza o seco Tula unamuniano no agarimoso e sensual Tulita. E tan dados como nós somos ó do afecto diminutivo, axiña llo apliquei, pero o resultante, Tuliña, non caeu nada ben, máis ca nada pola cercanía fonética con toliña. Il, Sergio, pechando algo os olliños, de seu achinados, puntualizou de contado: «El toliño, en todo caso, sería yo, ella es muy sensata y juiciosa. Mejor lo dejamos en Tulita, no más…». E así comezamos a desfrutar, durante catro días, dun escritor de altura, con elevado talento narrativo e considerable estatura: Sergio Ramírez, un nica masatepino de Masaya. Imposible non volver agora a aquelas xornadas, Libera a palabra!, organizadas polo PEN de Galicia, cando un xurado presidido por Darío Villanueva, chairego e director da RAE, despoixa de tres horas de debate e sete votaciós, acaba de lle conceder o Cervantes, máximo galardón das letras hispanoamericanas. Sergio e Tulita xa estiveran en Santiago, foi o seu, pois, un reencontro coa «ciudad donde canta la piedra», como o propio autor de Margarita, está linda la mar (premio Alfaguara 1998) deixou reflexado no seu blog. Tiven a sorte de acompañalos e de compartir con iles un cálido empardecer de xuño. Sergio sentía curiosidade por ver como a maxia de Compostela transitaba do día á noite. O seu relato, despoixa da cea, foi realmente marabilloso. Ata aquel momento parecérame un tipo medio distante. Pero non. Contándonos polo miúdo, a Tulita e a min, o que sentira nese luscofusco, un par de horas escasas nas que apenas dixera nada, decateime da enorme empatía deste grandísimo escritor. Virtude que tamén salienta Gioconda Belli, outra magnífica literata nicaraguana. Na segunda parte da viaxe, no convento -alí ninguén lle chama monasterio- de Santo Estevo de Ribas de Sil, paseando polo claustro dos Bispos, falamos moito da nosa América. A Ramírez interesáballe o peronismo como fenómeno populista. Conteille algunhas vivencias, posteriores a Perón, claro. Tomou nota da posición contraria dos emigrantes galegos, agás excepciós, da reacción dos exiliados… Tulita, a súa amada cómplice, preguntábame sobre Evita.