Adrián Castiñeiras: «'Viradeira' é moi potente»

O protagonista da serie de Voz Audiovisual anda algo xusto de tempo porque están a gravar os derradeiros capítulos


Cítome con Adrián Castiñeiras (A Coruña, 1982) nunha cafetería do centro da Coruña a carón da súa casa. O protagonista de Viradeira, a serie de Voz Audiovisual que TVG emite os domingos pola noite, anda algo xusto de tempo porque están a gravar os derradeiros capítulos. Cara a cara é igual que na pantalla: ten planta e voz de galán. Uns minutos despois xa parece un tipo próximo co que apetece compartir unha cervexa (el toma café).

-Aquí está como na casa.

-Si. Eu son koruño, koruño. 15004 [o código postal do centro da cidade], aínda que dei varias voltas polo mundo adiante.

-Viviu en Nova York.

-Si, dous anos. Fun estudar e traballar. Foi unha experiencia incomparable porque me formei como actor e tiven profesores ao nivel de Richard Dreyfuss ou Kate Winslet. E vin como era a profesión alí. Son superprofesionais.

-Dicía Roberto Varela que é tamén unha cidade onde sentirse moi só.

-Absolutamente. Vivir alí non é fácil. Ademais é carísimo todo. Pero Nova York non é o que é senón o que ofrece. Fagas o que fagas, os mellores van estar alí. Tamén é certo que alí ves o efecto dos soños rotos.

-Que tal en Viradeira?

-Marabilloso. Rodar comedia é moi divertido, pasámolo moi ben. E a proba de que as cousas están funcionando é que o equipo ri moito coas secuencias que estamos gravando. Temos personaxes moi potentes, destes que deixan frases míticas. E logo é unha serie que tamén ten aventura. Hai unha aposta por meter escenas moi potentes de aventura, como treboadas, piratas, cazas de tesouros... E nós mergullámonos. Fixemos un curso a primeira semana de rodaxe. O segundo día xa me mergullei mar adentro e vin os restos do Mar Exeo.

-Como prepara o traballo?

-Estudo moito. A clave é levar o texto aprendido de todo. Así, no plató, podo estar xogando, divertíndome ou atendendo as indicacións da dirección.

-Na serie cómese moi ben, ou iso semella.

-Cómese moi ben. Un centro neurálxico é o Mesón de Carmela. Carmela quéreme ensinar a cociñar e cada día faino cun prato: lamprea con arroz, caldeirada de peixe... pratos que foron deseñados polo Grupo Nove de cociñeiros galegos.

-Alguén os comerá.

-O atrezzo nunca o comemos. Na primeira toma ten boa pinta, pero cando levas cinco... Á parte, ás dúas da tarde está ben, pero cando tes que facer unha secuencia cunha lamprea ás oito da mañá non entra tan ben.

-É afeccionado á gastronomía?

-Son moi, moi foodie, como se di agora. Inculcáronmo meus pais e como de todo. Viaxo moito e, vaia onde vaia, probo a comida local. Se teño que comer escorpión, como se é unha tortilla de ovos de formigas. Estou intentando aprender a cociñar, pero non teño a paciencia suficiente. Gozo máis de comer que de cociñar.

-Canto pagaría por un viño?

-Non sei... Máis de cen euros, non. Por comer, si. Hai pouco paguei trescentos por unha cea para dous.

-Exprese un soño. Con quen lle gustaría traballar?

-Con Luís Tosar ou con Javier Bardem.

-Mire, iso de ser guapo é unha vantaxe na vida, non?

-Ha, ha. É cómodo nalgúns aspectos porque abre algunhas portas. Ligar é máis sinxelo: a metade do traballo telo aforrado. Tamén na profesión, pero cando tes un bo físico póñenche cos que teñen o mellor físico, así que tes a presión de estar sempre moi ben. Non me podo deixar ir fisicamente.

-Fai moito deporte?

-Si, teño adestramentos e dieta estrita. E para este personaxe, moito, que logo che piden quitar a camiseta en cámara e iso é complicado. Son moi pudoroso.

-Pois nas escenas de sexo pasarao mal.

-As escenas de sexo son mecánica pura, as emocións xa é outro asunto. A paixón, o amor... tes que buscar o xeito de sentilo.

-Seguro que por iso hai tantos romances entre actores que comparten traballo. Pasoulle algunha vez?

-Algunha vez pasoume.

-Gústalle o fútbol?

-Son futboleiro a tope. Do Dépor, sufridor. Algúns dos momentos máis divertidos da miña vida paseinos seguindo ao Dépor en Segunda. Para min, o plan perfecto é comer cos amigos e ir logo ao estadio.

-Que pon para durmir?

-Un pantalón curto e unha camiseta. No verán, en pelotas.

-Defina Galicia. Brevemente.

-O tesouro máis descoñecido de Europa.

-Conte un chiste.

-Por que os indios levan taparrabos? Porque son feos de collóns.

-Unha canción?

-Fix you, de Coldplay.

-O máis importante na vida?

-Ser feliz.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Adrián Castiñeiras: «'Viradeira' é moi potente»