«Exportamos moi boa literatura»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Oscar Vazquez

O autor reivindica unha escrita de calidade para os lectores máis pequenos e maior presenza da poesía

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con Poemar o mar (Xerais), Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, converténdose no sexto autor en lingua galega en obter este galardón.

-Eses seis premios son unha mostra máis da vizosa literatura para mozos en galego. ¿Por que se nos dá tan ben?

-Por unha banda, é o talento da xente, e falo dos cinco premiados anteriores. Son persoas que amaron sempre a palabra literaria. Agás Ledicia [Costas], son fundamentalmente docentes, xente que ten un amor polos nenos, que valorou a rapazada como se merecía, que deu o mellor de si pensando neles. Creo que ese tipo de xente, con moitas lecturas e sensibilidade, consegue que se faga unha literatura orixinal e moi agarimosa. Por outra banda, son cinco premios que sendo todos de narrativa son ben diferentes, e iso amosa a variedade que se produce no eido da literatura infantil e xuvenil aquí en Galicia. Creo que iso indica que os que comezamos hai ben tempo no mundo da literatura tomamos moi en serio o que era facer literatura para os nenos, respectándoos e valorándoos.

-Dámos por sentado que exportamos moda ou viño, pero parece que aínda non callou a idea de que podemos exportar literatura. E iso que estes premios demostran que viaxa ben.

-É que todo isto está en función do valor que se lle dea nesta sociedade tremendamente materialista ao libro, á palabra e ao idioma. Todo está moi vencellado. Claro que exportamos moi boa literatura, pero iso parece non ser importante para unha sociedade que se traga todo aquilo que non produce réditos económicos a curto prazo. Neste país a cultura está moi abandonada, todo responde a impulsos individuais e colectivos, pero loitando contra todo. Non hai unha canle para saber aproveitar e para valorar o que se está facendo. Ata hai pouco a literatura infantil e xuvenil estaba desprestixiada, parecía que era de segunda categoría. Pois estase demostrando que non é así, que se valora fóra de aquí, no Estado e mais fóra.

-Un dos seus libros é «O que ven os ollos dos nenos». ¿Que ven e como hai que facer de adulto para non perder esa ollada?

-Ao lector específico non o coñeces, pero ao lector potencial si. ¿A quen vai dirixido? Pois aos nenos, mozos, pero non só. O máis importante de todo iso é saber que os rapaces son rapaces pero non son parvos. Un pediatra non é un médico de segunda categoría porque trate a nenos. O neno ten que sentir ese elemento afectivo e que se se lle fai pensar, aínda que non se dea conta, que para iso están os mediadores. Ese respecto baséoo no coñecemento profundo do que significa o seu mundo. Son persoas que demandan historias, emocións, aínda que non as estean pedindo, pero que reaccionan en canto se lles poñen preto. Para min iso é moi importante, saber cara a quen escribes. Saber esa psicoloxía que teñen os rapaces, que non hai que estudar nada, só empregar a capacidade de observación, que son seres críticos e hai que darlles o mellor, ir subíndolles pouco a pouco o nivel para que se sintan valorados.

-Pero ás veces escoita un falar sobre os adolescentes e non sabe se é que se esqueceron de que un día tamén o foron ou é que directamente naceron maiores...

-Ese ton algo despectivo indica un afastamento da súa realidade e iso é algo que produce problemas despois. Hai que coñecer o que temos preto, hai que saber os intereses, hai que saber que se lles poden poñer nas mans libros interesantes dos que despois se poden facer postas en común e saen cousas marabillosas. O librofórum é algo que se debería facer en todos os colexios e institutos.

«A poesía permite descubrir o que non está á vista»

García Teijeiro síntese orgulloso de que se premiase un libro de poesía, un xénero que cre que debería estar máis presente no ensino -e na vida- do que actualmente está. «É un problema de descoñecemento, de medo, de non ser educado na sensibilidade poética, de non ter mediadores que te inicien no discurso dos versos. Como persiste ese medo, esa falta de preparación, ese non crer no que fas, pois iso se traslada aos nenos. Podes contaxiar o negativo ou o positivo. Podes facer que non se interesen ou podes contaxiar a paixón. A poesía, en si mesma, é un xénero que en principio é algo máis difícil de acceder, pero moi gratificante cando se entra nel», di.

-Manuel Rivas dixo unha vez que unha boa definición de poesía é esa castaña extra que aparece de cando en vez nos ourizos...

-É unha definición moi fermosa. Eu teño dito que a poesía é a alma das palabras, pero dende o punto de vista do espírito real, literario, das palabras, iso que lle dá forza e sensibilidade ás palabras. A poesía permite ver o que non se ve, descubrir o que en principio non está á vista, permite reflexionar sobre aquilo que moitas veces se deixou de lado. É como dar un paso máis do que realmente das normalmente. Ten esa capacidade de descubrir, eses sentimentos ocultos que todos posuímos e que non sempre saen. E non só amor, tamén moitos outros sentimentos. Ver un pouco máis do que realmente temos diante dos ollos.

-O tópico asocia un poema cun flash, cun momento de inspiración. Pero ¿vostede reescribe moito os seus versos?

-Cando estou en fase de escribir empezo na cabeza. Durante moito tempo hai moitas cousas, palabras, versos, que están na cabeza movéndose, empurrando. Non dou ningún paso cara o papel. Eu escribo moitísimo a partir de lecturas. Apunto un verso porque me dá para facer algo. Escribo tamén a partir da experiencia na rúa. Quero ser como Rafael Alberti, un poeta na rúa. Sen lecturas non se pode escribir. E tampouco sen a propia vida, que é moi variada.