Ramiro Fonte, entre as urbes e o mar

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

No disponible

Publícase en edición bilingüe galego-castelán «As cidades da nada», primeiro poemario do autor

03 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Foi, por riba de calquera outra cousa, un poeta. Un extraordinario poeta». O escritor e xornalista Ramón Loureiro subliña deste xeito a centralidade que a obra poética tivo na carreira de Ramiro Fonte. Faino no limiar á reedición do primeiro poemario do autor nado en Pontedeume en 1957 e finado en Barcelona hai nove anos, un 11 de outubro. As cidades da nada, publicado por vez primeira en 1983, aparece de novo da man do selo Trifolium, en edición bilingüe galego-castelán -as versións nesta última lingua corresponden a Luis Rodríguez Andrade e Carlos Oroza- e con limiares como o devandito de Loureiro, Manuel Forcadela, Alberto Núñez Feijoo e Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume, xa que o volume serviu tamén para celebrar que a biblioteca municipal leva agora o nome de Ramiro Fonte.

As cidades da nada foi unha estrea na que o poeta se revela cunha voz clara e perfilada, que xa anticipa algúns dos temas e recursos que marcarán os seus libros posteriores. Nunha liña culturalista e neorromántica, os seus versos actúan como espellos dos sentimentos e da ollada sobre a vida, miradas e reflexos que á súa vez amplían ese xogo de refraccións nas mencións literarias -Rilke, Aguirre, Stendhal- pictóricas -Klimt- ou musicais -Mozart-.

Hai referencias tamén a cidades, dende as vividas, como Compostela -na que destaca o poema inspirado na célebre escaleira de Domingo de Andrade en Bonaval-, ás históricas, como Persépole. Non en van no poemario pode apreciarse o gusto de Ramiro Fonte pola cultura da Antigüidade e a presenza dos seus mitos. A isto súmase tamén a querenza do escritor polo mar e o seu léxico asociado: navíos e ondas, escenas portuarias e os seus protagonistas, praias orfas e baixamares, que conviven nos versos hendecasílabos cos «heroes derramados». Esta saudade mariña, que acompañaría a Fonte a cidades como Vigo ou Lisboa, segue o ronsel do verso de Baudelaire do que tanto gustaba o escritor eumés: «Home libre, ti sempre has de querer o mar!».