Xohana Torres, «calar todo o tempo que fose necesario calar»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

Fondo pesar na cultura galega polo pasamento da grande poeta, que foi incinerada onte en Vigo

14 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Este mes é setembro a redimirse / Ti, acouga en paz. Sobre a violenta verdura da túa tumba / traballan en ringleira afanosas formigas». De camiño á homenaxe que lle renderon onte a Xohana Torres no tanatorio Vigo Memorial, onde horas despois foi incinerada, a escritora Marilar Aleixandre lembraba estes versos da poeta -extraídos do seu derradeiro poemario, Elexía a Lola (2016)- para ponderar a depuración da súa lingua e a forza das súas imaxes. Neste texto, relata Aleixandre, faláballe á súa avoa e podería ser unha forma de albiscar tamén moi cerca o seu final.

Precisamente, o editor de Elexía a Lola, Xan Carballa, leu onte ás portas do tanatorio un poema de Torres -pertencente a un novo libro, que se publicará postumamente-, no marco da homenaxe íntima que lle tributaron compañeiros, amigos e familiares, na que participaron Víctor F. Freixanes, Fina Casalderrey, Afonso Eiré, Xosé Luís Franco Grande, Aleixandre, Paco Castro, Alonso Montero e Xesús Ferro Ruibal, entre outros.

Lembrábaa onte Freixanes como «unha muller moi elegante, non só polo seu aspecto físico, senón polo seu pensamento, a súa maneira de entender as cousas». Coincide con outros colegas en que «ela andou afastada dos focos, pero era moi consciente da súa obra, como a poeta exquisita que foi». O presidente da RAG enxalza tamén «un libro que queda sempre en segundo plano, Adiós, María (1971), unha das novelas clave no salto cualitativo que deu por aqueles anos a narrativa galega. Xohana tiña moita ambición literaria e interese por explorar novas maneiras de narrar. Ademais -incide-, a novela ten tenrura e drama social, ao abordar a emigración, non é escapista, ía pegada ao conflito do país».

Tamén foi precursora na narrativa para rapaciños. Con Para o mar van as sardiñas, di Freixanes, dábanse os primeiros pasos do que será despois o boom da literatura galega infantil e xuvenil. Pero foi, sobre todo, asegura, «unha autora máis de calidade que de cantidade: o seu compromiso era coa esixencia de quen escribe e co que escribe».

En sentido similar fía a poeta María do Cebreiro, quen apunta que a potencia de Torres como escritora radica en dúas cousas moi relacionadas: «O seu control sobre si mesma (é dicir, a resistencia a dicir o que se agardaba dela) e a súa capacidade para calar todo o tempo que fose necesario calar». Aí, explica, Xohana «volve pertinente a diferenza entre mutismo e silencio: o segundo é que a palabra cesa, o primeiro é que unha, coma ela, elixe calar. E ese -advirte- é un poder non ao alcance de calquera».

«Ao tanto de todo»

Luís González Tosar, editor da súa Poesía reunida, recorda que os que, como el, se achegaban a ela, a finais dos 70, sendo unha ou dúas quintas máis novos, topaban «unha persoa completamente fóra do modelo de escritor maior de entón. Era unha muller simpática, moi simpática, que non exercía de escritora. Aparentemente non participaba do que pasada ao seu redor, allea aos círculos, ás batallas, as vaidades, pero controlaba absolutamente todo». Tosar coñeceuna cando ela traballaba como funcionaria de Correos na sede de Vigo: «Se tiña un momento, non saía de rexouba cos compañeiros, ou ás compras, ía por Galaxia a informarse, a ver que se publicaba, que se movía. Vía todo, estaba ao tanto de todo, non só ao de aquí, senón ao de fóra, o que confirma que lle gustase traballar na tradución».

Iso de que era unha señora metida para dentro, introspectiva -recalca-, non é certo: «Era unha referencia distinta na literatura galega, un vento fresco. Non falaba de si en plural, non era nada solemne, era moi directa».

Aleixandre cualifícaa de figura senlleira e valente, «muller que escribe cando só escribían os homes». Hai que ver, di, esa foto no primeiro Día das Letras, en 1963, nun acto da Universidade de Santiago dedicado a Rosalía, «na que aparece soa entre unha chea de homes, Arcadio López Casanova, Casares, García-Bodaño». Pero a clave, matiza, é a súa voz poética, na que as mulleres poetas se recoñecen, con paixón feminista, que defende a dignidade da muller. Ademais de enormemente orixinal, engade, a súa poesía é moi depurada, e iso «faise escribindo, e escribindo, e cortando, cortando, ata deixar unicamente a esencia».

Para Paco Castro, responsable de Galaxia, onde Torres ten publicada case toda a súa obra, trátase dunha muller pioneira non só na poesía, tamén na radio, o teatro, a literatura infantil... E, como Freixanes, loa a calidade da súa novela Adiós, María. «É unha mágoa que non se prodigara máis na narrativa», lamenta.