Capítulo XXIV: Os fillos

F. J. Fernández Davila

CULTURA

ABRALDES

Viséximo cuarto capítulo da novela entregas «A senda de sal» de F. J. Fernández Davila

24 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«¿Vostede ten fillos?», preguntou o vello sen solución de continuidade. Eu quedara confusa, anotando os detalles das súas últimas palabras. Pousei o bolígrafo na colcha e empreguei un intre de silencio en contestar.

«Teño un. Chámase Dante».

«Dante», repetiu el prolongando o son da primeira sílaba durante un tempo case imperceptible. «¿E cantos anos ten?».

«Fixo sete anos en Nadal», respondín no ton máis seco que puiden atopar. Comezaba a sentirme incómoda revelando detalles da miña vida a un descoñecido. Por moito que me contara da súa, aínda non sabía quen era. Polo de agora só tiña trinta páxinas do borrador da súa infancia, pero ignoraba por completo o que fixera despois. Podería ter sido un asasino ou un criminal de guerra, e non desexaba establecer con el ningún tipo de ponte afectiva bidireccional; pero o que máis me molestaba era que parecía ver a través de min coa mesma facilidade coa que miraba a través da súa fiestra.

«Debe ser difícil criar un fillo co seu oficio, e máis se perde os sábados escoitando as parvadas dun ancián amargado», continuou. «¿Cando atopa tempo para el?». Volvín quedar muda. Era evidente que a embaixada investigara a miña vida. O vello xa sabía as respostas, pero aínda así facía as preguntas. «Entenderá que non pido datos. Interésame máis o seu corazón».

«A verdade é que estou divorciada e vivo soa. Asignáronme unha ruta semanal na compañía e podo estar co meu fillo todos os domingos. Lévome ben co seu pai, divertímonos xuntos».

«En certo modo seguen a ser unha familia», dixo el de forma anticipada ao meu pensamento. Eu nunca confesaría iso.

«Non. Non tal. Xulio volveu casar, con María, a miña mellor amiga no instituto. Agora viven na casa que ambos fixemos xuntos». «En Panxón», interrompeu el. «Si, en Panxón», completei a rima.

«Fai séculos que non vou a Panxón, dende o enterro de miña nai, e aínda así tiven que facelo ás agachadas, coma un rato de faiado que andase ao millo. Debe estar moi diferente. De seguro que desapareceron as dunas, e agora está cheo de edificios sen orde e pensións para turistas».

«Escóiteme ben, Maruxía». Era a primeira vez que pronunciaba o meu nome, e el endexamais mo preguntara. «Escóiteme ben. Floreza. Permita que seu fillo coide de vostede. Non hai por que deixar de vivir para ser pai ou nai. Un debe involucrar aos seus cativos na vida. Hai xente que deixa de saír, de escribir, de ir a concertos, de facer todas aquelas cousas que nos definen coma seres humanos. Desgraciadamente, tamén hai quen abandona aos seus fillos para gozar da vida. E iso é o contrario do que hai que facer».

«Eu non sei de nenos, pero si sei de non encontrar, de buscar, de raspiñar nese oco que levamos dentro. Aprendín de cativo que non fai falla abandonar a ninguén, que a procura dun mesmo non se fai por forza nos lugares máis estraños; e que os fillos son os que mellor nos poden axudar a atoparnos».

«Non quero dicir que haxa que procurarse a un mesmo no corazón dos demais; iso só xera unha adicción á compracencia e á aprobación. Só insinúo que as persoas que máis te aman son as que mellor te poden acompañar nese camiño. Sei por experiencia propia que os fillos prefiren participar dunha vida real, por moi dura ou curta que esta sexa, que quedar incomunicados nesa burbulla que lles creamos para protexelos».

«Eu tería escollido dar mil voltas na caixa dun camión da Falanxe, e morrer co meu pai, aínda que iso comportase ser soterrado coma un can nunha cuneta. Eu tería compartido un millón de veces unha bala na caluga sempre que fose ao seu lado».

Resumo

O vello mariñeiro, retornado do exilio a un pazo de Celanova, continúa relatando as súas memorias á escritora novel, unha azafata que perdeu a custodia do seu fillo tras o divorcio. Nesta parte da narración, o afundimento do mercante número dezanove, fai que o Formigillo retorne a porto cheo de refuxiados. Moita xente de Panxón, de condicións e ideas diferentes, axudan a agochalos de forma segura ata que se organice o seguinte transporte.