A cineasta portuguesa Rita Azevedo presentou onte en Santiago a súa película «Correspondencias»
03 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Unha imaxe pode valer máis que mil palabras. Ou unha palabra pode conter mil imaxes. De palabras, de ausencias, de expectativas está inzada Correspondencias, que pon nunha pantalla a relación epistolar entre dous dos poetas máis importantes do século XX en Portugal: Sophia de Mello Breyner Andersen e Jorge de Sena, exiliado que nunca regresaría á casa. «Primeiro, gústame moito a escritura epistolar, que está completamente en desuso». Escribimos outras cousas. Escribimos correos electrónicos, escribimos mensaxes. Pero xa non existe «ese compás de espera da carta, o tempo no que nos dispuñamos a escribir a alguén, pensando nesa persoa». Xa non existe ese espazo de reflexión, de contacto emocional coa outra persoa. Cortouse ese fío de prata entre o escritor e a quen se lle escribe.
«O que din nas súas cartas pareceume tan contemporáneo. Parecíame que estaban a falar con nós hoxe». Fala Correspondencias dunha Portugal que mudou Portugal. E dunha etapa histórica, a dos anos 60 e 70, que tamén modelou a unha Rita Azevedo moi nova, «que empezaba a ter conciencia de min mesma e do exterior». Memorias que marcaron a toda unha xeración e que «ficou un pouco polo camiño».
Esa mestura levou á cineasta a querer facer un filme, «pero non sabía moi ben como era isto de facer un filme con cartas». Así que en realidade, Correspondencias foise escribindo a si mesma. Foi «diferente». E Rita Azevedo buscou outros xeitos de facer, deu coa textura cinematográfica. «Pensei nun momento que eu non estaba facendo o filme, que o filme me estaba facendo a min».
E ese filme que se foi facendo a si mesmo e que Azevedo presentou onte na sala Numax de Santiago e hoxe nos cines Norte de Vigo, deita sobre a pantalla «unha impresión» de como eran realmente os poetas. «Se non houbese esta ausencia, ¿como sería a relación? Creo que non sería esta». Porque cando hai unha ausencia «tes a liberdade de crear unha imaxe ideal e vives con esa imaxe ideal do outro». E o que os distanciou foi, ironicamente, tamén o que os uniu: a súa posición contra o réxime salazarista, que obrigou a Jorge de Sena a marchar.