«Este cine non é realidade, é un encontro con ela»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

As comunidades que eran obxecto antropolóxico pasaron a filmarse a si mesmos

02 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Acceder ao mundo dunha forma totalmente distinta á que é descrita. Utilizar outra linguaxe que permite ser máis reflexivo e subxectivo e que o filmado poida visionarse fóra da academia. Son algunhas das vantaxes que nomea Catarina Alves (Porto, 1967) sobre o cinema etnográfico como ferramenta de investigación. Antropóloga visual de longa traxectoria, participa estes días na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que se celebra en Santiago.

-A realidade a través dunha cámara ¿é real?

-É sempre unha construción. A realidade é producida dentro de nós e creo que é importante asumir a obxectividade do ollar. É imposible unha gravación directa do real a partir do momento no que encadramos, escollemos, facemos a montaxe... Algo que creo que é importante representar nese filme non é realidade, é un encontro coa realidade, porque é un encontro subxectivo entre eu e aquela situación.

-Cada vez hai máis xente facendo cinema documental. ¿Hai máis oportunidades de difundilo?

-Depende do tipo de resposta que agardes. A divulgación é doada, pero cada vez é máis difícil entrar nos circuítos dos festivais porque hai máis xente. Hai unha hiperdivulgación e outra cousa interesante: as persoas que antes filmabamos fan filmes sobre eles mesmos e esa imaxe circula non só dentro das comunidades, tamén fóra. Iso toma conta dun territorio que antes era dos antropólogos. Temos que mudar a actitude.

-¿Teñen o mesmo obxectivo eses que se filman a si mesmos que os antropólogos?

-En América Latina e Australia é moi común que as comunidades que antes eran o obxecto da antropoloxía produzan eles mesmos filmes para un festival. Se cadra, o xeito de entrar dun novo realizador na súa comunidade é máis forte e sentida, pero alguén que vén de fóra tamén ve cousas distintas.