Gelria retoma o alento poético e vitalista de Carlos Casares

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Gelria

O grupo pon música ao poema «Amemos» do escritor, que se editará nun sinxelo e cun vídeo como acompañamento

06 may 2017 . Actualizado a las 09:13 h.

«Amemos o tempo que turra de nós e que nos leva». Coñecido especialmente nas súas facetas de narrador e articulista, tamén houbo un Carlos Casares poeta. E a el acudiron os compoñentes de Gelria para elixir un texto seu ao que poñer música e sumarse á celebración do Día das Letras, dedicada neste ano ao tamén autor dos versos vitalistas de Amemos. O grupo quería continuar no ronsel do seu exitoso libro-disco Cantos de poetas e despois dunha pescuda, atoparon pola Rede a antoloxía Poetas gallegos de posguerra nunha librería de vello de Bilbao: o volume traía tres «poemas fermosos» de Casares, segundo Mario G. Cortizo, percusionista de Gelria e adaptador de Amemos.

«Amemos á rosa porque é breve e ao tempo porque fuxe e non se para». Os versos de Casares abordan un tema clásico e universal: o paso do tempo e a beleza. Encaixaba perfectamente coa filosofía do grupo. «Nós sempre dicimos que Gelria é un canto á beleza», explica Cortizo. «É coidar as cousas, as cancións, a escenografía... É a razón que nos move a facer música». Amemos, ademais, canta a un ceo azul, sen nubes e sen chuvia. «A canción fixémola en verán, nas Rías Baixas, e a sensación que transmite é a que viviamos nós, só que non atopabamos as palabras para expresalo, que ao final son as palabras de Casares», describe Cortizo. «O director do vídeo dixo que o que lle inspiraba era nostalxia e vitalidade, e parécenos unha descrición axeitada», engade.

«Amemos, inda que a espranza turre para abaixo». Nesa mensaxe de goce de vida do poema que é a resposta do carpe diem ante o tempo fuxidío, hai sitio para unha lectura optimista, e que tamén vai parella ao primeiro ano de vida de Gelria, que se presentaron no 2016 precisamente o 23 de abril, Día do Libro. «Estamos felices co que temos», admite Cortizo, agradecido pola traxectoria dun grupo no que tamén forman parte a vocalista Elena Tarrats e o pianista Federico Mosquera.

«Amemos as bocas que mancan ao bicalas, aos pianos que medran e non tocan». Amemos responde tamén a outro sinal de identidade de Gelria, o de «poñer a música ao servizo da poesía». Neste sentido, Casares dotou os versos dun sentido rítmico que permitiu ao grupo tirarlle todo o partido musical á súa adaptación que se editará fisicamente nun sinxelo e do que se acompaña dun vídeo. Asemade, a canción xa está incorporada ao directo do conxunto, que este mes ten tres datas: o 16, na praza do Corgo do Grove (19.00 horas); o 17, na Cidade da Cultura (13.00 horas); e o 19, na praza Rafael Dieste de Rianxo (22.30 horas). En vivo, Amemos trae consigo tamén uns engadidos, como un conto de lobos ou unha anécdota de Casares e Cunqueiro, para un «espectáculo único».