Monteagudo aposta por unha candidatura de consenso para presidir a RAG

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

Xesús Alonso Montero confirmou onte que non se presentará á reelección para seguir ao fronte da institución

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xesús Alonso Montero confirmou onte que non se presentará á reelección para a presidencia da Real Academia Galega (RAG), onde se elixirá a unha nova persoa para o cargo o vindeiro 20 de abril. Esta decisión firme do actual presidente abre o proceso da sucesión dentro deste órgano.

Nesta situación, o actual secretario da RAG, Henrique Monteagudo, apostou por constituír «unha única candidatura que recolla as distintas sensibilidades que hai dentro do pleno», aínda que pediu esperar a que se celebre o último encontro, a mediados de marzo, para barallar nomes de posibles aspirantes ao posto, segundo declaracións que recolle Europa Press.

Sobre os posibles cambios na directiva da institución, Monteagudo mantivo que os membros do pleno non están a falar diso nin teñen «a menor noticia sobre alguén que se perfile», aínda que, polo seu actual cargo, dixo ser «a persoa menos indicada para falar deste asunto». Con todo, recoñeceu que a directiva actual «está a traballar» para constituír unha candidatura de consenso, e asegurou que os posibles candidatos mencionados ata o momento responden a unha «pura elucubración sen fundamento», xa que o proceso está nunha fase preliminar. «Se é unha muller, será unha das que están na directiva, Margarita Ledo, Rosario Álvarez...; no ámbito da lingua temos moitos; alguén que comunique á sociedade, Víctor Freixanes; e persoas que xa se postularon, Manuel González -destacou-. Hai catro ou cinco nomes que se lle ocorren a calquera, pero que agora mesmo sería un atrevemento [confirmar]».