«Nemo. O rapaz sen nome»

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A obra de Davide Morosinotto pescuda na infancia do enigmático personaxe verniano, xa que unha das habilidades do francés, a de suxerir un pasado para o capitán pero sen acabar de revelalo

02 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A obra de Jules Verne non só é engaiolante de seu, senón que dende a súa aparición inspirou incontables recreacións, homenaxes ou parodias, nun fenómeno semellante ao que pode acontecer con Sherlock Holmes, o detective-consultor creado por Arthur Conan Doyle. De todos os personaxes saídos do maxín do escritor francés, sen dúbida o capitán Nemo é un dos máis celebrados; a súa vinculación coa ría de Vigo, narrada en Vinte mil leguas baixo dos mares, tamén o incorporou ao imaxinario da literatura galega.

Agora publícase nesta lingua a achega do escritor e xornalista italiano Davide Morosinotto, autor dun bo número de títulos para lectores mozos. Nemo. O rapaz sen nome pescuda na infancia do enigmático personaxe verniano, xa que unha das habilidades do francés, a de suxerir un pasado para o capitán pero sen acabar de revelalo, xoga aquí a favor de quen se dedique a fabulalo pola súa conta. Deste xeito, a acción sitúanos en 1829 -a do libro orixinal de Verne transcorre en 1866- no porto francés de Le Havre. Alí un rapaz alto e moi fraco será recollido para que un coche de cabalos o leve a un exclusivo colexio nas aforas de París. No centro educativo este mozo, de quen ninguén coñece o seu verdadeiro nome, fará amizade con Ashlynn Taylor Woodsworth, filla dun magnate norteamericano do aceiro, e con Daniel, quen na súa condición de antigo acróbata traballa ao servizo do colexio do que os outros son alumnos.

Elementos clásicos

Os tres protagonistas vivirán, na compaña dun can, o mastín Nautilus, unha aventura que os levará alén dos muros do colexio Amélie Paimboeuf. Unha aventura tecida con elementos clásicos do xénero, como corresponde a unha homenaxe a Verne, e á que contribúe a edición do libro, cunha sobrecuberta e elementos de deseño que evocan as publicacións de antano, axudando ao lector a trasladarse ao tempos dos feitos narrados.

UN LIBRO CADA DÍA

PARA LER