«A mellor empanada é a miña»

Fina Casalderrey, mestra e escritora, recoñece que a lectura nunca foi unha afección de masas, «é un gozo, si, pero un gozo que esixe un esforzo»


Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951) recíbeme nun estudio deslumbrante, tanto polas vistas como polas lembranzas que o adornan. Mentres tomamos café e falamos, a tarde vaise e apaga o ventanal que enmarca o mosteiro San Benitiño de Lérez. Un pensa que nese estudio poderíase escribir un libro.

-Nesta habitación hai moito desa armada invencible da literatura infantil á que pertence.

-Si. Toda a xente desa foto [sinala un cadro cunha caricatura de grupo na que saen moitos dos autores da súa xeración] somos dunha xeración de escritores e escritoras que pertencemos ao mundo do ensino e combinamos a escrita co desexo de mudar a escola. Camiñamos xuntos en múltiples ocasións, que nos aledamos dos éxitos dos demais como propios. Síntome, por iso, afortunada.

-Comezou a publicar tarde...

-Si. Xa escribía, claro. Pero é que antes nin che ofrecían a posibilidade de publicar. A verdadeira eclosión foi a primeiros dos 90. Lembro cando lle deron a Paco Martín o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil. Foi un ruído necesario o daquel premio, porque fixo visible algo que naquel momento era invisible.

-Agora lese máis, lese menos... Preocúpalle?

-Eu son das que penso que se le máis, pero non da mesma maneira. Están lendo nunha pantalliña a cotío. A lectura nunca foi unha afección de masas. É un gozo, si, pero un gozo que esixe un esforzo. Se antes non había nin libros na maioría das casas! Ler é un pracer, pero require esforzo. Esa é unha verdade que hai que dicir. O que si é certo é que agora temos máis libros, máis oportunidade de lelos, pero menos repouso para gozalos.

-Que lle gusta ler?

-As historias que teñen un pé na realidade. Entre Alicia no país das marabillas e A historia interminable, quédome coa segunda.

-Vostede escribiu tamén un libro sobre a empanada. Cal é a mellor de Galicia?

-A miña.

-...?

-O meu home e máis eu percorremos toda Galicia facendo esa pregunta e sempre recibiamos a mesma resposta: a mellor empanada de Galicia é a miña. O libro naceu de que nesta casa non se fan mal as empanadas, e fomos investigar. Eu creo que as mellores fanse na costa. Son máis variadas. Por culpa de Cunqueiro fomos ata Arlés, en Francia, a probar unha empanada de anguías. Mal sabía Cunqueiro que un par de mestres ían ir ata alí comprobar a receita. Preguntamos por todas partes e anguías había moitas, pero a empanada, ninguén a vira nin oíra falar dela, ha, ha.

-Cal é a súa especialidade?

-Non lle teño medo a ningunha, pero cando quero sorprender fágoa de praiolo en toros. Exquisita coa súa zaragallada salteada con taquiños de xamón.

-Tamén investigou sobre medicina popular. Cónteme algún remedio memorable.

-Máis ben foron traballos de investigación feitos cos alumnos. Lembro unha planta cunhas flores azuis que predicía como ía ser o parto. Poñíase nunha almofía con auga. Se a flor abría pronto, o parto ía ser fácil.

-E un filtro de amor?

-Non lembro filtros. Pero si a historia daquela que rezaba a unha figura de San Antonio para que lle trouxera un home. Un día, cansada de rezar, tirou a figura pola ventá, e deulle na cabeza a un home que chamou á porta e que sería o seu marido.

-Xa leva algún tempo xubilada, que é o que máis lle gusta facer?

-Falar cos amigos, por exemplo. Estou nunha idade na que dou moito mérito á sensación de estar ben. Eu e a miña xente.

-Que se lle dá ben e que se lle dá mal?

-Ben, non o sei... Pode que escoitar á xente. Eu diría que a miña mellor virtude e o peor defecto é o mesmo: cústame dicir que non. Penso que fun afortunada, capaz de coleccionar bos momentos. Aínda que pode que algunhas cousas non as faría igual.

-Que quere dicir?

-Gustaríame ter sido máis insubmisa e transgresora na xuventude.

-Quen é o maior contista que coñece?

-Fole, por exemplo, ou Poe, aínda que pode que teña máis mérito o que non tomou alucinóxenos para escribir.

-Eu pensaba nunha acepción menos amable do termo.

-Xa. A min encántame cando me chaman para falar ben de alguén. Para falar mal chegan dabondo. Os políticos son uns bos contistas, pero aínda os hai que mandan máis que eles. Quixera un futuro mellor, porque agora hai moitas desigualdades, seguimos aplaudindo aos que teñen máis diñeiro.

-Unha canción.

-Imagine.

-O máis importante na vida é...

-Non o sei. Sei que a actitude fai moitísimo. O que eu lle pido á vida é estar ben e que os meus tamén o estean. Algo de tempo e liberdade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

«A mellor empanada é a miña»