O profesor

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

CULTURA

15 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando miro a súa barba cana, aspecto severo e rectitude de docente excelso, non podo imaxinar ao profesor Valentín García vestido de luces. Agora anda cerca dos sesenta e xa non quere recordar aqueles tempos. Porén, a min véñenme á pel como caricias. Digo que as cousas máis fermosas en ocasións viven no pasado: ese lugar onde existen os paraísos. O meu amigo ía de praza en praza, en terras de Castilla La Vieja, procurando a arte da tauromaquia. Escapaba de casa para contemplar as chicuelinas de El Viti ou os intrépidos brincos de El Cordobés. Os pases de alta gama de Curro Romero ou a verticalidade pétrea de Antonio Chenel Antoñete. Cando os demais mozos querían ser artistas da canción, el quería ser torero. En Madrid entrou nun deses locais para turistas que recrean carteis de grandes tardes de touros. O serio profesor García pediu un que gardaría como ouro en pano toda a súa vida. Ao seu carón Juan Belmonte e Rafael Gómez El Gallo. Juan Belmonte foi un toureiro culto, amigo de Valle-Inclán. O noso xenio díxolle: «Para ser eterno ya solo te queda morir en la plaza, Juan». E Belmonte contestoulle: «Se hará lo que se pueda, maestro». A Rafael Gómez, cando lle presentaron a Ortega y Gasset, ocurríuselle preguntar pola súa profesión. Respondéronlle: «Ortega es filósofo». El Gallo, daquela, pronunciou unha frase mítica: «Hay gente pa to». O severo profesor, que ten moito sentido do humor, quixo estar con eles no cartel inolvidable dunha tarde de touros. Non puiden ver ata hoxe esa marabilla. Fun con el á súa casa. Observei fascinado a reliquia: «Plaza de Las Ventas. Seis toros seis. Rafael Gómez El Gallo, Juan Belmonte y Valentín García El Valen». Tres nomes, como caricias.