O que di a comisaria

Blanca Riestra

CULTURA

Vixésimo terceiro capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra

23 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O ar no despacho de Touriñán comezaba a rarear. Paco, no sofá, abriu con estrépito unha lata de soda. O Touri enguedellouse os cabelos.

A comisaria estaba farta e tiña présa. Os seus subordinados non parecían moi vivos, ou é que tiñan todo o tempo do mundo. O cal non era, por desgraza, o seu caso.

-Prosigamos.

-Pois máis nada. Non temos indicios. Nos cuartos dos rapaces non quedaba unha soa revista nin gravación nin obxecto algún digno de consideración. Tiñan os cuartos como os chorros do ouro. Limparan, é evidente.

-Antes de morrer?

-Bueno -Paco endereitouse cun toniño maligno, dende o seu curruncho no sofá- Falta un elemento.

-Que elemento?

-A rapaza.

-Non vexo que ten que ver -Touriñán respondeu moi rápido.

-Pois, mira ti: resulta que andaba do ganchete cos finados ata o día das súas desaparicións.

A comisaria estrañouse e preguntou.

-Falaches con ela?

-Falei, de xeito extraoficial. Non temos evidencias contra ela e non podemos proceder.

-Como que non temos evidencias? -saltou o informático. Parecía resucitar do seu letargo e tiña o corpo medio erguido. Touriñán fíxolle acenos para que calase, pero o outro nin o mirou.

-Temos a gravación, a única gravación do caso. A cinta que sobreviviu á limpeza premortem dos protagonistas.

-Que gravación é esa? Por que non a coñezo?

-Pois si, Marisol, conservamos unha única cinta nun soporte VHS, sistema que como saberás, leva extinto décadas. Nesa cinta consérvanse uns únicos catro minutos e trinta e dous segundos de metraxe onde a rapaza en cuestión baila e se quita o que ten posto, todo nun xeito maiormente amateur e risoño, por dicir algo.

-É unha cinta completamente inofensiva -falou Touriñán, cada vez máis indignado.

-Levo unha semana tratando de facerche entender as implicacións e as ramificacións da maldita cinta, pero non me entendes ou non me queres entender.

-A ver. Fala.

-Non é soamente que na cinta esa rapaza poida ser menor, que pode. Hai algo moito máis preocupante, e ti non queres nin escoitalo. Esa cinta, onde a tipa baila o reggaeton ou o que sexa nun lugar semipúblico, diante dunha parroquia do que asemellan ao menos cinco persoas, esa cinta, é vella, está gravada aproximadamente hai trinta e catro anos. E a rapaza, tal e como a coñecemos, neste día non cumpriu aínda vintecatro.

-Arrecarallo, con perdón -soltou Touriñán.

A comisaria interveu alporizada:

-Creo, Paco, que estás a te pasar da raia. Si, é verdade que toleramos o teu gusto polos asuntos místicos e sobrenaturais. Tes chispa. E aquí un pouco de chispa nos vén ben a todos, á primeira a min. Pero Paco, sexamos sinceros, isto é Galicia, aquí o que se estila son os crimes polos lindes nas leiras, as herdanzas inxustas, os parricidios, deses hai montes e moreas. Bueno, lémbrome, si, do licántropo de Allariz, o sacamantecas. Ou do vampiro Wladimir, de Pontevedra, pero este último non creo que matase a ninguén.

Touriñán tratou de quitarlle ferro ao asunto:

-Ademais iso non significa nada! Pódese tratar dunha fabricación, dunha falsificación, os nenos gravaron enriba da cinta con certo aire vintage e santas pascuas.

-Non me tomes o pelo, Touri. As imaxes teñen trinta e tantos anos, tómasme por parvo?

-Ou se non, escoita, xa o teño pensado, pode ser que sexa alguén que se lle pareza á rapaza. Alguén, un familiar, a súa tía, a nai, calquera.

-A verdade, Marisol, penso que o amigo Touriñán anda un pouco perdido. Pero, se te fías máis del que de min, non teño máis que dicir.

Paco saíu da sala e pechou dunha portada. A comisaria, satisfeita, deu a reunión por concluída.

Resumo

Touriñán reúnese no seu despacho co seu colega Paco e coa comisaria Abelenda. Os tres repasan o caso dos estudantes mortos. Paco explica a súa imposibilidade para seguir as manobras na web dos rapaces, xa que os dous tiñan descargado un navegador anti-rastreo. Con todo, está convencido de que traficaban con algunha mercadoría ilegal. Touriñán engade que, aínda que non tiña traballo coñecido, o Xurxo fixera nos tres últimos meses tres ingresos de dez mil euros na súa conta de Caixa Nova.