A web non é real

Blanca Riestra

CULTURA

Abraldes

Decimocuarto capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra

14 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Tolo non as tiña todas consigo aquel sábado. Levaba varios días tratando de poñer orde na súa vida. Fora á lavandería para facer limpeza dos quilos de calzas e camisetas amoreados a carón da mesa do seu cuarto. Logo, amontoou os quilos de revistas de estratexia bélica e apertounas en bolsas de plástico coa idea de depositalas no contedor de reciclaxe. Tiña o PC pechado e ben pechado.

Estaba a soar Posthuman, de Marilyn Manson, cando alguén petou na porta. O Tolo non puido evitar estremecerse. De seguro, viñan por el: non abriría. Estaba segundo na lista dos condenados, era evidente.

Sentou sobre o catre, ollou enriba, abaixo, diante, e considerou a posibilidade de escapar pola ventá aberta. Logo pensouno mellor: quizás non fora unha boa idea, a súa ventá daba sobre o centro comercial de Fontiñas a unha altura de dez pisos.

Chamaron de novo. Descolgou o telefonillo e puido ver o rostro máis ben aparvado do policía da morgue. A súa voz soaba distinta, como a través dun distorsionador. Pero era el.

-Hei, Tolo, son o inspector Touriñán. Se non me abres, pido unha orde de rexistro e volvo nunhas horas. Pero non cho recomendo. Se volvo, non vou estar de bo humor.

O Tolo dubidou. No fondo, sentía certo alivio por acoller na súa humilde morada ao grande policía con chupa de coiro. Mentres el estivese alí, ninguén dos outros sería quen de facerlle unha visita. Puxo as chancletas sobre os calcetíns e apresurouse a abrir. Touriñán tiña olleiras mouras e non parecía moi amable.

-Así que este é o teu centro de operacións? Dende aquí falas cuns tipos de Morelia que son de traca?

O Tolo ollou para el e pestanexou, desnortado.

-Non é o que parece. Estabamos a facer un estudo.

-Quen? O Xurxo e mais ti?

-O mundo virtual non é real. Existe a liberdade informática, o dereito a circular libremente, de sermos o que queiramos na rede. A moral non é aplicábel ao mundo virtual.

-Non te entendo. Non vos entendo.

Touriñán parecía verdadeiramente compunxido.

-Mira, Tolo, eu non che digo que te adiques á caridade. Sei ben que beber un pouco ou fumarse uns porriños é bonito; poñerlle os cornos a túa moza, excelente; sisarlle á túa nai, fantástico. Eu non son ningún meapilas. Pero isto, isto sobrepasa todos os meus limiares de expectativas -suspirou-. Tamén é verdade que quizais sexan outros tempos.

-Non entende. Vostede non coñece o TOR? É un navegador invisible, que está creado polo servizo de intelixencia da Mariña americana. Eses son amigos seus, non si?

-E logo?

-Pois o TOR está concibido para salvagardar a liberdade do usuario da internet.

-Que bonito.

-Pois non crea, leva máis de cincuenta millóns de descargas en todo o mundo. A xente necesita soñar, necesita expresarse. Eu necesito expresarme.

-Mira, a miña película favorita da historia do cine, sen lugar a dúbida, non é Casablanca, senón A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos. Pero sabes o que? Que era unha chufa. O Toñito Blanco non estaba en serio, os coitelos estaban pringados de kétchup e os actores marcharon logo a tomarse uns reposados ou o que fora que se estilase daquela.

-A ver, Touriñán, sente aquí e dígame que é o que o atribula.

-O que me atribula, rapaz, é que non consigo comprender ren. Para comezar: a que demos vos dedicabades ti e o teu colega? Eu veño dunha época onde as cousas eran o que eran. Agora, todo isto non é máis que un remuíño de vento, de nada.

O Tolo cravou a súa mirada chispeante no policía.

-Pero, nós lidabamos tamén coa realidade. Aínda que a realidade non é tan sólida coma vostede a pinta.

RESUMO

Touriñán e Paco, o excéntrico especialista en delitos informáticos, conversan na noite compostelá sobre o caso do estudante morto. Paco anuncia que nin sequera sabe se os rapaces entraran na web profunda. «Andaron artellando e tiñan unha banda de descerebrados que nin sequera eran simpáticos, unha banda de cretinos máis ben mórbida». O que si que lle resulta sorprendente a Paco é a gravación en VHS onde aparece a rapaza e que lle parece «absolutamente tinguida de imposibilidade».