Non tes casa?

Blanca Riestra

CULTURA

Novela por entregas «Noire compostela»  de Blanca Riestra

06 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Xurxo de súpeto tivo un ataque de hiperactividade, corría coma un condenado e afanábase dun sitio a outro, era como se algo lle queimase as mans e non puidese parar quieto baixo ameaza de morte.

Non ía nunca ás clases pero seica que, entón, asistiu ás clases deseguido: levantaba a man cada dous minutos, interrompía ao profesor sen motivo ningún. Parecía querer chamar a súa atención. Dicía chorradas, contestaba o que non era. Ou, ás veces, facía alarde da súa memoria, que era moi boa, e lanzábase a recitar a Mendiño ou ao Arcipreste en clase de francés.

-Hors sujet, monsieur Zas.

-Como di, madame?

-Je vais être obligée de vous demander de quitter la salle.

Pero Xurxo non quería ser expulsado e non saía, axeonllábase diante da profesora e suplicaba e, ao final, obtiña da súa magnanimidade quedar na aula servíndolle de escravo, borrando o encerado, ofrecéndolle bolis, repartindo as fotocopias.

Logo marchaba á biblioteca, sen ordenador. E os que o coñecían non daban crédito. Quedaba ata a noite na biblioteca, axudaba a apagar as luces, engaiolaba ás limpadoras, e logo acompañaba a casa a algún compañeiro, que non sabía que facer para librarse del.

-Imos ao Franco, non vos apetecen uns curtos?

-Veña, non tes casa?

Porque xa non era un tipo popular. Antigamente, tivera moito éxito coas rapazas. Pero todo é pasaxeiro. A ninguén facían xa rir as súas teimas, as súas ocorrencias. Amais, dun tempo a esta parte, botara barriga, por mor das moitas horas sentado diante do ordenador, xogando e comendo doritos.

-Non marcharedes xa.

E todos marchaban. Alguén quedaba con el, por curiosidade ou por pena, e ese alguén o acompañaba o Rúa Nova onde quedaba con el na barra, amolando á camareira.

-E -dicíalle- lévasme para casa esta noitiña?

E a rapaza mirábao de arriba abaixo cun desprezo tan xélido que o acompañante quedaba petrificado. Xurxo quitáballe ferro ao asunto.

-Que salada é.

E decontado cambiaba de tema. E á fin, o acompañante conseguía que Xurxo lle falara das arañas web ou dos web crawlers. Este era o seu tema estrela, aquel que reservaba para momentos de dor e de ebriedade.

Os seus ollos refulxían cun resplandor doente cando dicía:

-Entran e saen, si, de onde queiras. Pódense usar para penetrar en páxinas encriptadas ou cifradas ou para buscar blogues pechados dende hai anos.

O acompañante flipaba, escoitaba e miraba arredor de si. E vía de esguello como a camareira, molesta, limpaba cun pano preto deles, e como o patrón lle dicía algo a un tipo vello sobre os resultados da quiniela e como na mesa do fondo, un tipo grande con ar morriñento miraba á camareira guapa con querenza.

E entón o acompañante preguntáballe algún detalle máis. Pedían outra rolda e o acompañante sentía chegado o momento de solventar a súa dúbida máis ardente. Quería, sempre quixo, preguntar polo carácter místico, escuro e esquivo da profunda web pero nunca se atrevera, tampouco esta vez: tiña medo de quedar de inxenuo.

E calaba e quedaba mirando como a camareira e o tipo do fondo se evitaban.

E logo o Xurxo acompañábao ata o portal da súa casa en Pelamios, que lle quedaba francamente a desmán. E daba a impresión de que, por algunha razón que el ignoraba, en verdade non quería volver a casa, e delongaba. E, ao final, Xurxo pedíalle que se sentaran aínda un chisquiño nas escaleiras a botar un pito. E el asentía porque tiña o pálpito de que o Xurxo lle quería dicir algo e non era capaz. Ata que, ao final, o Xurxo marchaba e el quedaba ollando para el, na distancia, con desconcerto.

Resumo

Dafne lembra como todos os seus compañeiros de piso foron marchando e quedou soa. Séntese moi melancólica pero non quere marchar de alí. Dende hai tempo, deulle por coleccionar libros sobre a tolemia. Ouvira que na súa casa da zona nova ocorrera unha traxedia hai moitos anos pero ninguén sabe o que. Soamente séntese a salvo no bar no que traballa. Alí un tipo moi grande vén tódolos días, fai solitarios e olla para ela. Disque é policía ou porteiro de discoteca.