-Foi pioneira no uso do galego e en amosarse como muller esritora.
-É unha muller que asume o conflito da muller escritora. Ten dous textos marabillosos, Lieders (publicado en Vigo, en 1858, cando tiña 21 anos) e Las literatas (Lugo, 1865), que son auténticos manifestos que critican a posición subalterna que no mundo de homes escritores teñen as mulleres que fan literatura. E expono dun xeito totalmente descarnado.
-Cite algo positivo e algo negativo do matrimonio con Murguía.
-Todo no matrimonio é positivo, de simbiose exemplar. Hai documentos que desapareceron, pero os que coñezo dan fe dunha relación estreita no persoal e no intelectual. Rosalía era unha intelectual ao nivel de Murguía. Sempre queda iso de que el era o intelectual e ela o talento natural; diso nada. A biblioteca era común, e os dous se facían circular entre eles as obras, os textos dos autores.
-A fama de que el era algo bruto...
«A identificación de Galicia con Rosalía non pode ser»
Rosalía foi pioneira en Galicia como muller escritora; despois, anota Angueira, veu Pardo Bazán.
-Úsase moito a unha para negar á outra. ¿Non poden ir da man?
-É comprensible. Poderían ir da man, pero xa elas se desmarcaron mutuamente. Dalgunha maneira Pardo Bazán desconsideraba a literatura en galego e rexional, que asimilaba ao folclórico. E mentres Pardo Bazán cre no progreso, Rosalía desconfía dos intereses dun capitalismo incipiente que arrasa todo. Teñen criterios opostos, o que non quere dicir que unha sexa mellor ca outra.
-¿Hai na posición de Rosalía un romanticismo reaccionario?
-Non quere unha volta ao pasado, senón que desconfía do progreso. Curros confía na locomotora, encántalle; Rosalía, non. Critica a présa con que se vive. Iso non é reaccionario, ao contrario, é un aviso dos tempos que veñen, devastadores. Ela é escéptica, non canta as excelencias da modernidade como Bazán. Son distintas, sendo escritoras que defendían a súa condición de mulleres nun mundo dominado por homes.
-¿Na Rosalía como gran figura do feminismo, non hai peros?
-Non. Pero a muller de Rosalía é a muller traballadora, do pobo, do seu tempo, abandonada polo home que marchou para Cuba, que non sabe se vai volver, e se encadra perfectamente na literatura universal: son penélopes. «Tecín soia a miña tea». Non fala só da soidade individual, senón da soidade política e social.
-¿E a nación de Rosalía?
-Si está o «Pobre Galicia, non debes chamarte nunca española!», pero, ¡ollo!, hai un substrato que é o pobo traballador galego. A nación de Follas novas é a nación das mulleres. Non hai peros, pero si matices. Esa lectura que veu despois de Galicia=Rosalía=saudade, esa ecuación, é falsa. A identificación de Galicia con Rosalía non pode ser. Galicia para Rosalía era un proxecto, como continúa sendo para moitos de nós. Non é esencia permanente.
-¿É unha visión social?
-A visión social tamén é política. A nación de Rosalía é a alborada de Cantares gallegos, esa esperanza de rexurdir, de empezar un novo tempo, pero tamén os emigrantes que non volven e as mulleres que quedaron soas.
-É devolver a dignidade ao pobo.
-Os grandes principios de Rosalía están xa en 1858 en Lieders, texto no que fala de independencia, liberdade e igualdade para a muller, para o ser humano. É devolverlle a dignidade a Galicia, ao pobo. Non hai unhas esencias que conservar nin preservar, máis alá da nosa cultura, do idioma. Pero detrás disto está un proxecto social de emancipación e de liberdade e de dignidade.