No seu ingreso na Real Academia de Belas Artes, o deseñador Xosé Díaz reivindica a filosofía sobre a que Luis Seoane e o seu pai, Díaz Pardo, levantaron o seu proxecto
31 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O deseñador gráfico Xosé Díaz Arias de Castro (A Coruña, 1949) pronunciou onte na sé coruñesa da Fundación Luis Seoane o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes como membro numerario da sección de artes da imaxe: Enriquecer ao mundo coa nosa diferenza. Contribución de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo ao deseño galego do século XX. Díaz, que dirixe a súa empresa Imago Mundi Diseño, enxalzou a importancia que Seoane e Díaz Pardo, o seu pai, tiveron no progreso do deseño e das artes de Galicia en xeral. Sitúa así aos dous personaxes no lugar que lles corresponde na historia da cultura, en concreto nos campos da proxectación e creación de formas polas súas ideas e a súa praxe. Díaz recordou como, desde Bos Aires, Seoane expoñía nas súas cartas a Díaz Pardo a necesidade de demostrar a importancia das formas que había que configurar na Galicia do século XX: «Nós queremos axudar a enriquecer o mundo coa nosa diferenza». Con estas palabras, incorporaba á linguaxe creativa a memoria do lugar onde foran realizadas as obras, ofrecendo a propia identidade para distinguirse e proporcionar un obxecto «único, distinto e recoñecible».
Díaz recorreu a unha anécdota que Ulises narra na Odisea de Homero sobre o retorno ás orixes e a importancia da memoria, como preludio alegórico sobre a obra e o pensamento de Seoane e Pardo. Relatou como a través desa correspondencia, foron elaborando a declaración de principios do Laboratorio de Formas de Galicia. E nun encontro que mantiveron en 1963, na Pampa arxentina, comezaron a redacción deste texto fundacional iniciando desta maneira a rehabilitación da vida en Sargadelos, que Díaz Pardo narraba así: «Tratábase de revitalizar unha empresa que era símbolo dunha Galicia que pedía desenvolvemento industrial e autonomía [...] Voltaría ser o símbolo da Galicia que iniciaba a súa recuperación, e non de calquera maneira, senón recuperando a memoria e renovando as formas tradicionais para facelas funcionais no século XX».
«Seoane e Isaac -conclúe Díaz- sacan adiante unha formidable operación identitaria para rescatar a confianza nas nosas formas, nese momento desfiguradas, para axudar ao afianzamento dunha autoestima que parecía desaparecida da alma dos homes e as mulleres de Galicia».
Felipe Senén deulle a réplica.